Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo pídelle unha maior implicación á Xunta para manter as escolas infantís


# Venres, 08/01/2010
* O rexedor local participou hoxe na apertura da nova Escola Infantil Gregorio Sanz

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado, entre outros, polos Concelleiros de Educación, Dolores Vieiro e Protección da Comunidade, José Rábade, participou esta mañá na apertura da nova Escola Infantil Gregorio Sanz que comezará a súa actividade o luns. López Orozco aproveitou o acto para pedirlle á Xunta de Galicia “unha maior implicación para manter as escolas infantís”.

“Espero que a Xunta colabore nesta gardería como nas outras dúas que poremos en servizo este ano porque o Concello non pode asumir en exclusiva os gastos que xera”, expuxo. Así, dixo que os gastos derivados da xestión e construcción da mesma se deben compartir entre os pais, o Concello e a Xunta.

Así, o Alcalde indicou que a Xunta colaborou na construción da Escola aberta hoxe, se ben, espera que colabore, así mesmo, no seu mantemento e na posta en marcha das dúas novas escolas que se están a construír, a da Piringalla e a de Sanfiz.

Neste sentido, avanzou que estas dúas novas dotacións se abrirán este ano 2010, tal e como recollen os orzamentos do Concello para o que espera contar coa colaboración da Xunta.

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo asegurou que o día de hoxe supón unha “satisfacción posto que non hai nada máis importante que potenciar a formación na educación infantil, aquela que vai dos 0 aos 3 anos”.

López Orozco explicou que a escola conta con 61 prazas e no proxecto investiuse preto dun millón de euros, tendo en conta a construcción do inmoble e a urbanización da parcela. O Alcalde salientou que renderá un beneficio a todas as familias o que contribuirá na conciliación da vida familiar e laboral e na formación dos máis cativos.

Distribución do centro
Aulas: 4 unidades; 1 de 3 a 12 meses……… 8 prazas
                                   1 de 12 a 24 meses…….13 prazas
                                   2 de 24 a 36 meses…… 20 prazas

Servizos: comedor, con almorzo, xantar e merenda para o alumnado de 0 a 3 años. A adxudicataria deste servizo é a mercantil A Billarda S.L., por 55.961euros para a primeira anualidade. Na escola elaboraranse menús adaptados a estas idades tendo en conta as necesidades nutricionais de cada etapa evolutiva do neno ou nena. O servizo de cociña da escola terá que apoiar e elaborar os tres tipos de menús de acordo coas necesidades alimenticias dos nenos de 3 meses a 3 anos.

Persoal: 9 técnicas de Xardín de Infancia, das que unha exercerá as funcións de Directora da Escola Infantil.

Horarios: de 8 a 20 horas, de luns a venres, tendo en conta que o horario máximo de permanencia no centro por parte dos nenos e nenas será de 8 horas.

Con esta Escola Infantil, Lugo conta xa con dúas Escolas xunto a Serra de Outes. En pouco tempo uniranse a da Piringalla e a de Montirón Sanfiz, que permitirán aos veciños e veciñas de Lugo contar con 4 Escolas Infantís públicas.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova