Cargando....
Concello de Lugo
21/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco salienta que co comezo do ano "Lugo10" a cidade vivirá unha verdadeira promoción interna e será coñecida en todo o mundo


# Sábado, 09/01/2010
* O próximo luns presentarase o proxecto Lugo10 e esbozarase a programación que durante todo o ano 2010 conmemorará o aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial

Imaxe Asociada
* A gala de arranque do ano10 celebrarase o luns no Círculo das Artes e contará coa actuación estelar de Cristina Pato e Rosa Cedrón


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidirá o luns, acompañado polo Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o acto de presentación do proxecto Lugo10, unha marca que englobará todas as actuacións que o Concello e a Deputación levarán a cabo para conmemorar o décimo aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

Así, López Orozco salienta que co comezo do ano Lugo10 “a cidade vivirá unha verdadeira promoción, non só para os cidadáns de Lugo senón conseguindo tamén a que a cidade e o monumento sexan coñecidos no mundo enteiro”.

O luns ás 11 da mañá ambos os mandatarios, o local e o provincial, ofrecerán unha rolda de prensa no Concello onde darán conta de parte do programa que compón Lugo10, así como da gala que esa mesma noite marcará o inicio da programación, constituíndo o pistoletazo de saída do ano no que a Muralla cumpre 10 anos como Patrimonio da Humanidade.

Posteriormente, ás 20,30 horas, celebrarase a gala que dá comezo ao Lugo10 no Círculo das Artes á que está previsto que asistan numerosos representantes da cultura, das artes, do deporte, da política ou dos medios de comunicación, entre outros.

Será unha gala realizada pola Fundación TIC e retransmitida pola TVG nas súas dúas canles. A gala terá unha hora e media de duración e será presentada pola xornalista lucense Laura Peña. Entre os atractivos, atópase o monologuista Pepo Suevos e a actuación estelar do dúo Soas, composto por Cristina Pato e Rosa Cedrón.

Ademais, a gala contará coa emisión de diversos vídeos promocionais da cidade realizados na súa totalidade por traballadores da Fundación TIC e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo.

Lugo10
Baixo a marca Lugo10 o Concello de Lugo ten previsto levar a cabo ao longo de todo o ano 2010 numerosas actividades tanto culturais, como deportivas ou artísticas facendo que a Muralla de Lugo sexa coñecida máis aló das nosas fronteiras.

Trátase dun programa de actos que aínda non está totalmente pechado, posto que terá en conta as aportacións que surxan das asociacións, os clubes, colectivos ou os partidos políticos que queiran participar na celebración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

O obxectivo é contar coa máxima implicación social, tal e como sucedeu hai agora 10 anos para conseguir o distintivo da UNESCO e recuperar o traballo en equipo que fixo posible este importante galardón non só para Lugo senón para toda Galicia.

Lugo pasaba a ser hai 10 anos parte das tres cidades que hoxe contan con distincións da UNESCO. Estas tres conforman o triángulo máxico do Patrimonio Mundial galego e son: a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules e o Camiño de Santiago e o Casco Vello da cidade.

www.lugo10.es


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova