Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reclamaralle á Xunta que se cumpra o Pacto Local e asuman os gastos de limpeza dos colexios


# Mércores, 13/01/2010
A Xunta de Goberno aproba a realización dos proxectos de Gasto Social con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustetabilidade Local

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá a realización de proxectos de gasto social con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local que contarán cun investimento de 2.067.169 euros, segundo explicou o Alcalde, José López Orozco.

O Alcalde de Lugo explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou estas fichas que fan referencia ao 20% do fondo destinado a gasto social polo Plan Zapatero e que inclúen os seguintes proxectos:

- Lugo, Igualdade e Benestar que supón un investimento de 505.000 euros. Para beneficiar aos veciños e veciñas máis desfavorecidos e potenciar o estado de benestar social da sociedade lucense, realizando actividade e programas de servizos públicos que teñen consideración de prestacións básicas.

- Centro de Día supón un total de 660.847 euros. Cubre as 50 prazas no centro de día municipal Antonio Gandoy e outras 50 nos centros privados que se levan a cabo mediante a figura do concerto. O obxectivo do Concello é manter ás persoas e aos grupos no seu medio familiar e comunitario.

- Prestación Integral das actividades de animación sociocultural nos centros de convivencia por un total de 284.070,70 euros. Trátase de actividades de diferentes áreas: musicais, talleres de manualidades e debuxo, cestería, texidos, artesanía, cociña... Ademais de actividades físicas, culturais, obradoiros e charlas sobre a saúde, de desenvolvemento psicosocial, e de expresión teatral. Estas actividades desenvolveranse ao longo de todo o ano.

- Casa das linguas, que contará cun investimento de 80.000 euros. O obxectivo é mellorar a competencia lingüística dos idiomas, crear un espazo de encontro e fomentar a aprendizaxe dos idiomas de maneira didáctica.

- Servizo de vixilancia no Fogar do transeúnte por 89.165,69 euros. Este servizo préstase todos os días do ano de luns a venres de 13.30 a 14.30 e de 19.00 a 8.00, e de sábados , domingos e festivos de 13.00 a 14.00 e de 19.00 a 8.00 horas.

- Servizo de Comida no Domicilio por 93.000 euros.O servizo materialízase na entrega periódica no domicilio do usuario de comidas preparadas e coas garantías hixiénicas legais vixentes cubrindo as necesidades de toda a semana.

- Programa de educación familiar que contará cun orzamento de 58.460 euros. Trátase dun servizo educativo e psicosocial de prevención e apoio personalizado dirixido as familias especialmente ás que se atopen nunha situación de maior vulnerabilidade. Realízanse intervencións familiares socioeducativas e asistenciais, como de inserción socio-laboral.

- Aula de creatividade. Aprende xogando-ociotecas cun investimento de 131.679,89 euros. O obxectivo é promover entre os cativos de entre 3 e 12 anos o seu desenvolvemento educativo mediante actividades lúdicas que esperten o seu interese por aprender cousas novas.

- Limpeza de Colexios públicos do Concello de Lugo con 164.944,94 euros. Son un total de 17 colexios.
 
Neste senso, López Orozco recordou que os gastos de limpeza dos colexios lle supoñen ao Concello 700.000 euros ano, polo que avanzou que se lle trasladará á FEGAMP que se cumpra o Pacto Local no que a Xunta asumía estes gastos. A través do pacto a Xunta asumiu os gastos de calefacción pero existía o compromiso de continuar asumindo os demais gastos de mantemento.
 
O Pacto asinado entre a Xunta e os Concellos en 2006 recollía que a Administración galega asume os gastos dos Centros Públicos Integrados, se ben, expuxo o Alcalde, Lugo non conta con este tipo de centros, polo que pide que se asuman os gastos da limpeza dos colexios. Así, o Concello de Lugo trasladará esta petición á FEGAMP para que sexa debatida coa Xunta. "O pacto non debe ser un listado de aspiracións senón que se deben recoller accións concretas", indicou.
 
Así mesmo, o Alcalde de Lugo avanzou que se aprobaron dous novos proxectos do Fondo Estatal referidos ao proxecto e equipamento do MIHL e o cerre do Parque de Rosalía.
 
Tal e como anunciou, o proxecto do MILH estará dedicado a novas tecnoloxías e contará cun investimento de 2 millóns de euros por parte do fondo estatal. Sacarase a licitación para que concorran todas aquelas empresas que o desexen.
 
O arranxo do Parque de Rosalía e o seu peche contarán con 2.400.000 euros do Fondo. Esta actuación enmárcase no Plan Director do Parque que levou a cabo un equipo interdisciplinario no que participou, entre outros, César Portela. O Alcalde salientou que o peche da parcela seguirá o estilo do Parque de Rosalía nalgúns dos seus lugares.
 
A maiores dos proxectos aprobados hoxe, o Concello de Lugo conta con 4 millóns de euros máis destinados polo Plan Zapatero que destinará, tal e como acordou co BNG, a saneamento rural e arranxo de problemas de abastecemento e saneamento en rúas como Mestre Soutullo, Músico Falla ou no arranxo da Ponte sobre o río Mera.
 
O 4 de febreiro remata o prazo para remitir os proxectos que se desenvolverán con cargo ao Fondo Estatal, data a partir da cal se coñecerán os proxectos aceptados polo MAP e que poderán realizarse ata o 31 de decembro de 2010.
 
López Orozco recordou que das 79 obras concedidas o pasado ano con cargo ao FEIL, só foi preciso pedir prórroga por culpa das inclemencias do tempo para 10 delas.
 
Nome do novo hospital
En relación co nome do Novo Hospital, López Orozco mantivo a idea do grupo de Goberno de chamarlle Rafael Vega Barrera, se ben, expuxo, “non teremos problema en chegar a acordos se non queren poñerlle un nome de persoeiros”. “Se así fose, gustaríanos que o reservasen para nomear a algún dos pabellóns”, concluíu.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova