Cargando....
Concello de Lugo
20/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Fitur acollerá mañá a presentación da programación 'Lugo10' que conmemora o décimo aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial


# Martes, 19/01/2010
* O Alcalde da cidade, o Presidente da Deputación de Lugo e o Conselleiro de Cultura serán os encargados de dar a coñecer toda a programación nun acto que terá lugar ás 17 h. no pavillón de Turgalicia

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, deu conta hoxe da presenza do Concello de Lugo na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se celebra a partir de mañá en Madrid e onde se presentará a programación Lugo10 que conmemora o décimo aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

“Aproveitaremos o escaparate que ofrece Fitur onde están todos os países para promocionar a Muralla no territorio español e que recollan a información sobre Lugo e poida chegar a todos os países que participan na feira”, expuxo.

José López Orozco presentará Lugo10 aos medios de comunicación e a todos os asistentes nun acto no que estará acompañado polo Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e polo Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela.

O Alcalde de Lugo explicou que coa marca Lugo10, recentemente presentada, “se pretende despertar o ánimo dos lucenses que viven en Madrid de cara a súa contribución no desenvolvemento turístico da cidade”. Trátase, avanzou, “de dar a coñecer a Muralla, así como as excelencias de Lugo e a provincia”.

Ao acto foron invitados os medios de comunicación nacionais, así como os touroperadores, profesionais do sector e o gran público “para que coñezan Lugo10 e as potencialidades que o noso territorio ofrece”.

Degustación de produtos autóctonos
A colaboración da Deputación de Lugo en toda a programación Lugo10 amplíase en Fitur onde entregarán lotes de produtos autóctonos dentro da campaña Lugo Sabe. Nestes lotes hai mel do Valadouro, marmelada do Caurel, tortalena de Guitiriz, embutido do Piornedo e Tarta de Mondoñedo.

López Orozco expresou o seu desexo que de o ano próximo sexan os xestores da empresa de turismo que o Concello decidiu por en marcha os que se encarguen da promoción da cidade nesta Feira internacional.

Na súa visita a Fitur, o Alcalde de Lugo, acompañado polo Presidente da Deputación e o Conselleiro percorrerán os distintos stands para deterse no de Turgalicia, onde conta cun espazo específico a cidade de Lugo. A continuación, ás 17,00 horas levarase a cabo a presentación oficial de Lugo10, acto no que xa teñen confirmada a súa presenza o Director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, a Directora do Instituto da Muller, Laura Seara, ou a finalista do Premio Planeta, Marta Rivera, todos eles galegos.

No acto proxectaranse diferentes vídeos sobre Lugo, as súas potencialidades e as súas excelencias, tanto culturais, como medioambientais.

Así mesmo, distribuirase material promocional, tanto no acto de presentación de Lugo10 como no stand que o Concello de Lugo ten habilitado na feira.

O venres, celebrarase a presentación do Xacobeo en Fitur, acto no que participará a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo.

www.lugo10.es

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova