O Concello de Lugo comezará o proceso de participación cidadá do Plan de Mobilidade convocando unha presentación pública en febreiro
# Venres, 29/01/2010
* O Alcalde de Lugo presidiu hoxe a reunión da Comisión Executiva do Plan
* A Comisión reunirase de novo o próximo venres para decidir os participantes no foro que consensuará o documento
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Comisión Executiva do Plan de Mobilidade na que se acordou comezar o proceso de participación cidadá convocando unha presentación pública para finais do mes de febreiro.
Na reunión, na que participaron os representantes dos grupos políticos, así como o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o Director do Plan, Miguel Ángel Negral, decidiuse levar a cabo a presentación do Plan na que participarán os redactores do mesmo, así como o representante dalgunha cidade na que se estea a acometer un proceso similar.
Así mesmo, a Comisión Executiva reunirase de novo o próximo venres para decidir as persoas ou colectivos que participen no foro no que se vai debater o Plan. Finalmente, articularase un foro, integrado por grupos políticos, asociacións e colectivos e aberto a todos os que queiran participar.
O comité de dirección do foro estará formado polo Alcalde da cidade e os representantes dos grupos políticos. O foro seguirá un calendario co obxectivo de que o plan sexa consensudao por toda a sociedade e a cidadanía de cara a a súa implantación.
O foro tratará sobre o transporte público, os espazos urbanos e a peonización, tráfico, transporte privado e aparcamento, entre outros asuntos. Preténdese obter un documento consensuado que permita que Lugo conte cun plan integral para recuperar espazos públicos para o conxunto dos cidadáns.
O Concello de Lugo mantén así mesmo, a pretensión de encargar á axencia redactora do PLan un estudo de planificación do transporte público co que comezar a implantar o documento.
Colaboración universitaria
O Goberno Local contará ademais coa colabroación dunha beca FEUGA procedente da Universidade que actúe como a persoa de referencia administrativa en relación co plan, ao tempo que participará en todas as reunións que se celebren no marco do foro.
Compartir: