Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ANUNCIA QUE TODOS OS PUNTOS WIFI ESTARÁN SINALIZADOS E CONTARÁN CUN MANUAL DE USUARIO


1/2/2010 Os puntos postos en funcionamento no mes de novembro están a funcionar correctamente

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, explicou esta mañá que os 20 puntos Wifi instalados pola súa Concellería en centros e dependencias municipais están a funcionar correctamente.

Zarzuela indicou que para solucionar os posibles problemas dos usuarios á hora de conectarse á Rede, o Concello porá a súa disposición un manual de usuario que indica paso a paso os procedementos a seguir co ordenador.

Ademais, a Concelleira explicou que xa están sinalizados todos os puntos Wifi coa correspondente cartelería nas zonas dos edificios municipais que contan con este servizo.

Lembramos que desde o mes de novembro están en funcionamento catro puntos no CEI, tres no Pavillón Municipal dos Deportes, un no Seminario, dous no Centro de Convivencia de Fingoi, dous no Uxío Novoneyra, dous na nave das Asociacións, dous no Centro de Convivencia da Milagrosa, dous na Piscina Municipal e dous na Casa do Concello.

Para poder facer uso deste servizo en calquera das instalacións municipais indicadas, compre dispor dun dispositivo (ordenador portátil, PDA, teléfono móbil), con conexión wifi e navegador web común. Con carácter previo ao acceso a rede, o usuario ou usuaria deberá inscribirse no rexistro de persoas usuarias a través da web do Concello e aceptar as condicións de uso do servizo. Os rapaces e rapazas menores de 14 anos non poderán acceder a este servizo, sendo responsables, no caso de acceso non autorizado, os seus pais ou titores legais.

O servizo está orientado á navegación por internet con ánimo cultural, educativo e formativo, polo tanto restrinxirase, a través dos medios técnicos a disposición do Concello, o acceso a páxinas ou servizos cun contido que se poida considerar eticamente non convinte ou que non se axusten ao perfil de prestación do servizo.