Cargando....
Concello de Lugo
19/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo promove a igualdade de oportunidades de mulleres e homes con dous certames de fotografía e narrativa


# Xoves, 04/02/2010
* A Concellería de Benestar Social e Igualdade organizou unha serie de actividades formativas en igualdade para profesionais que terán lugar entre febreiro e maio

* A Casa da Muller do Concello de Lugo atendeu durante 2009 a 1296 persoas e 4.132 consultas

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou esta mañá dous novos certames de fotografía e narrativa organizados pola súa Concellería dentro do II Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Lugo.

O primeiro deles é o I Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, dirixido a menores con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 traballos inéditos de tema libre pero baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes cunha extensión máxima de 3 folios.

Os traballos deberán ser enviados nun sobre pechado e baixo o mesmo lema á Casa da Muller (Avenida da Coruña, 212) ata o día 12 de febreiro de 2010.

Repartiranse un total de 3 premios : o primeiro de 300 euros, o segundo de 200 e o terceiro en 100. A entrega de premios terá lugar o 8 de marzo coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres.

En canto ao I Certame de Fotografía Revelando o Machismo poderán participar todas as persoas que o desexen. Os traballos deberán plasmar calquera imaxe representativa da loita contra a violencia de xénero.

O tamaño das fotografías será de 20x30 cm como mínimo e de 40x50 como máximo. Presentaranse sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50x70 cm. Admitiranse traballos tanto en branco e negro como a cor.

Os traballos deberán entregarse na Casa da Muller antes do 30 de setembro de 2010. O gañador contará cun premio de 600 euros e o finalista un diploma. Os premios entregaranse nun acto que terá lugar coa conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Para solicitar máis información poden dirixirse á Casa da Muller ou no teléfono 982 297 412 e a través do correo electrónico cmullerarrobaconcellodelugo.org.

Formación
Por outra banda a Concelleira presentou unha serie de actividades formativas en igualdade para profesionais que terán lugar entre febreiro e maio deste ano.

O programa comezará o vindeiro 8 de febreiro cunha Xornada de Formación sobre sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes dirixidas ao persoal que imparte obradoiros nos Centros de Convivencia de Lugo e o 11 de febreiro dirixida ao persoal que traballa nas instalacións deportivas do Concello.

O 23, 24, 25 e 26 de febreiro no Centro de Convivencia Maruja Mallo de 9.00 a 11.00 horas terá lugar o Curso A Violencia de xénero no ámbito dos Servizos Sociais. A intervención social: Aspectos e consideracións, dirixido a traballadores e traballadoras sociais que realicen intervención directa con unidades familiares.

Do 16 ao 18 de marzo o Maruja Mallo acollerá o curso A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes dirixido ás animadoras e aos animadores socioculturais do Concello.

Na Casa da Muller os días 5, 12 e 26 de marzo terán lugar as Xornadas de reciclaxe sobre violencia de xénero dirixidas a auxiliares dos pisos de acollida para vítimas da violencia de xénero.

As actividades formativas continuarán do 13 ao 16 de abril cun curso sobre a violencia de xénero no ámbito dos servizos sociais: a intervención socioeducativa: aspectos e consideracións. Este curso está dirixido a educadores e educadoras sociais que realicen intervencións directas coas familias.

E para rematar a programación formativa para este primeiro semestre do ano o 7 de maio de 9.00 a 11.00 horas haberá unha xornada no Centro de Convivencia Maruja Mallo sobre recursos para mulleres vítimas de violencia de xénero.


Casa da Muller
Por outra banda, a Concelleira aproveitou para facer balance das estatísticas das atencións realizadas na Casa da Muller durante o pasado ano que supuxeron 1.296 persoas atendidas e 4.132 consultas realizadas. Unhas cifras que, segundo Basadre, demostran que o centro converteuse xa nun recurso normalizado e ao que acuden as mulleres en busca de servizos e axuda.

Do número de usuarios do servizo 463 foron de nova consulta e 833 xa acudiran a solicitar axuda nalgún momento.

A Concelleira indicou a súa preocupación polas cifras en relación as idades das persoas que demanda axuda do servizo, xa que está a crecer o número de mozas. “Por iso estamos a levar a cabo campañas de sensibilización e fomento da igualdade entre a mocidade, como anuncios na radio, talleres sobre igualdade nos centros educativos, certames de deseño, fotografía e narrativa, e estamos a elaborar unha guía sobre a desigualdade especialmente dirixida aos máis novos”.

No ano 2009 as usuarias da Casa da Muller en canto as idades foron as seguintes: ata 20 anos 37,de 21 a 35 anos 98, de 26 a 35 anos 379, de 36 a 45 anos 401, de 46 a 55 anos 273 e de máis de 56 anos 108.

A Concelleira explicou que a desigualdade e a violencia non é un problema que atinxe unicamente a un sector da poboación, senón que se está a dar en todos os niveis, como demostran as cifras de usuarias en canto ao seu nivel de estudos e ingresos: 365 das usuarias non teñen ningún tipo de estudos, 834 contan con estudos primarios, 89 teñen estudos medios e 8 cursaron algunha titulación superior. En canto aos ingresos: 78 non contan con ningún tipo de ingresos, 93 ata 300 euros, 680 de 301 a 600 euros, 337 de 601 a 900 euros e 108 mulleres contan con ingresos de máis de 901 euros.

Do total das usuarias do servizo, 284 nunca sufriron malos tratos, 801 frecuentemente e 211 algunha vez. Das persoas que sufriron a violencia machista 463 presentaron denuncia unha vez, 17, varias veces e 532 nunca.

Basadre explicou que en canto ás consultas realizadas, 1.567 responden á área xurídica (sobre dereito de familia, civil, penal, xustiza gratuíta...), 1.238 á área social (emprego, servizos sociais, tempo libre) e 1.327 á área psicolóxica ( problemas familiares, de parella, situacións emocionais…).

A Concelleira explicou que o Concello de Lugo acolleu a un total de 14 mulleres e 8 menores nos pisos de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero. Destas mulleres 8 eran de Lugo e 6 da provincia, 5 delas españolas e 9 estranxeiras.

A Concelleira explicou que das mulleres estranxeiras acollidas 4 estaban en situación irregular, das que dúas regresaron xa aos seus países de orixe.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova