Cargando....
Concello de Lugo
19/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

As sete grandes cidades de Galicia apostan por un urbanismo que actúe como ferramenta de reequilibrio e cohesión social


# Xoves, 04/02/2010
* Os concelleiros de área defenden a colaboración institucional e demandan á Xunta axilidade na tramitación

Imaxe Asociada
* Avogan por situar no centro da xestión a transparencia e a participación cidadá e ratifican a rotunda aposta pola rehabilitación e recuperación dos cascos históricos


Os concelleiros de Urbanismo das sete grandes cidades galegas mantiveron esta mañá en Ferrol unha xuntanza de traballo para abordar a ordenación do territorio, expor problemas comúns e plantear solucións conxuntas. Así, no transcurso da reunión, na que tamén participou inicialmente o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, o responsable de Urbanismo da cidade anfitrioa, Angel Mato, daba conta ante os medios dos principais puntos tratados. Acompañábanno as súas homólogas de A Coruña, Obdulia Taboadela; Lugo, María Novo Pena; Ourense, Aurea Soto Vázquez, e Santiago, Mercedes Rosón Ferreiro. Posteriormente se incorporaría o edil de Vigo, José Manuel Mariño Mendoza, quen retrasou a súa chegada debido á súa participación nun pleno na cidade olívica, e ausentouse a concelleira de Pontevedra, Teresa Casal, por motivos de saúde.

Na comparecencia pública conxunta, Angel Mato subliñaba que as sete grandes cidades defenden a ordenación racional do territorio e que o urbanismo se convirta nunha ferramenta imprescindible para avanzar no reequilibrio e cohesión social da Comunidade. Para o concelleiro socialista, as cidades están a apostar por políticas urbanísticas modernas e sostibles, con prioridades claras: recuperar o espazo público para o cidadán, favorecer a rehabilitación e conservación do patrimonio e dos cascos históricos, facer efectivas as políticas de mobilidade e favorecer un crecemento sostible.

Nesa liña, Angel Mato fixo unha chamada á colaboración entre administracións, xa que as grandes cidades, nas que se concentra máis do 70% da poboación de Galicia, están a percibir certos atrancos en materia urbanística por parte da actual Xunta de Galicia, polo que hoxe solicitan axilidade na tramitación administrativa. Non se entende senón, na súa opinión, que as grandes cidades tarden, en moitos casos, ata unha década para aprobar o seu planeamento. Así mesmo, Mato apuntou a necesidade de que a Xunta entenda a importancia de contar coas administracións locais á hora de plantear cambios normativos, xa que a súa obriga é dar solución aos problemas que detecta e, neste senso, as cidades son o mellor campo de análise e traballo. Neste punto, e ante os cambios normativos que se prevén realizar dende a Xunta, reivindicou o papel que deben xogar as cidades.

Por último, e en nome das sete grandes cidades galegas, Angel Mato insistiu na necesidade de fomentar a colaboración institucional coa Xunta. Así mesmo, avogou por situar no centro da xestión urbanística a transparencia e a participación cidadá. E, para isto, apuntou a implantación de novas tecnoloxías como o camiño a seguir, tanto de cara a axilizar a xestión como de cara a optimizar os trámites que demanda o cidadán.

A xuntanza celebrada esta mañá, e que se prolongará ata entrada a tarde, forma parte das reunións sectoriais que, periodicamente, levan a cabo os responsables de Urbanismo das grandes cidades. A primeira delas tiña lugar o pasado 7 de outubro de 2009 en Pontevedra e desta xuntanza, que fora calificada como moi frutífera por parte de todos os participantes, acordábase manter contactos periódicos, sendo o segundo deles en Santiago, en novembro dese mesmo ano.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova