Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CÉDELLE Á UNIVERSIDADE UNHA PARCELA DO SUR-K DE 13.000 METROS PARA A INSTALACIÓN DUN EDIFICIO DE PRÁCTICAS


5/2/2010 López Orozco participou na presentación do proxecto Campus 2015 que pretende reforzar a capacidade do Campus lugués na investigación e a docencia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe na presentación do proxecto Campus de Lugo 2015, acto no que estivo acompañado, entre outros, polo reitor da USC, Senén Barro, e polo Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Na súa intervención, López Orozco destacou que “a Universidade fai cidade, polo que a cidade e o Concello colaborarán sempre coa Universidade”. “Cada día estou máis satisfeito porque a aposta polo coñecemento é unha aposta polo presente e polo futuro”, expuxo.

López Orozco referiuse ao coñecemento como a única materia prima que non se vai esgotar e coa que se pode competir.

A achega do Concello ao proxecto Campus de Lugo 2015 concrétase no desenvolvemento do Campus, posible grazas á cesión de terreo por parte do Goberno Local á Universidade. Así, López Orozco explicou que se lle ten feito unha cesión por 49 anos á institución na zona do Sur-K “que permitirá que a Universidade medre e se desenvolva”.

Trátase dunha intencionalidade que vai recollida no PXOM, pendente de aprobación, e na que se recolle un espazo de 300.000 metros destinado á Universidade na que esta poida desenvolver a súa actividade.

O Sur-K, a zona na que se instalará o edificio de prácticas, está en desenvolvemento e acollerá a sede da Policía Local, o edificio do Cetal, a escola infantil de San Fiz ou un novo centro sanitario, tal e como explicou o Alcalde.

O proxecto suporá a integración no perímetro do Campus dunha finca de prácticas de 13.000 metros cadrados e que se irá incorporando na medida en que se vaia dispoñendo de solo previsto para a ampliación do Campus no PXOM, o que suporá un incremento adicional de máis de 300.000 metros cadrados na superficie total universitaria.