Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza unha nova edición da Mostra de teatro Galego. Xoves de humor


# Xoves, 11/02/2010
O ciclo terá lugar entre o 25 de febreiro e o 18 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire

Imaxe Asociada
O Concello de Lugo, en colaboración co Igaem, achega á cidade o ciclo Teatro Galego en Lugo. O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá a montaxe de catro pezas galegas os días 25 de febreiro e o 4,11 e 18 de marzo.

A primeira das obras en chegar á cidade será E ti de quen ves sendo? de Talía Teatro. O espectáculo plantexa que pasaría se, de súpeto, alguén que é unha copia exacta de ti mesmo ocupase o teu lugar na vida. Como demostrar que un mesmo é o auténtico cando o outro é idéntico a un mesmo? Este é o arranque da peripecia do Anfitrión Plauto, revisada en clave actual por Cándido Pazó.

A seguinte das obras chega da man de Ónfalo Teatro que representarán Neuras, unha comedia sobre as neuras da sociedade contemporánea e urbana. As personaxes son xente nova, desenfadada e, aparentemente, desinhibida, pero que teñen problemas de aceptación do seu propio corpo e de si mesmos. A obra aborda temas fundamentais como o respecto a quen se sente diferente, o respecto a nós mesmos, a tiranía da moda, a busca da felicidade, a parella, o amor…

Fulano, Mengano e Citano presentan o 11 de marzo Nunca menos, un percorrido en clave de humor a través da historia de Galicia. A obra leva ao espectador polas orixes, costumes e tradicións desta terra de bispos e reis, de nobres e servos, de héroes e traidores, …

Porá fin a este ciclo Lagarta Lagarta coa obra O segredo dos Hoffman. A historia conta como os catro membros dunha familia rota por un segredo oculto se xuntan de novo con motivo do falecemento da avoa. Os seus recordos, soños e anhelos describen un universo pechado de enorme carga emotiva.

As entradas poderán mercarse na taquilla do Auditorio Municipal Gustavo Freire os días das funcións unha hora antes dos espectáculos. O importe das entradas variará segundo a zona: zona A 10 euros, zona B 7 euros e zona C 5 euros.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova