Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O pregón de Sara Alejandra García Suárez da comezo ao Entroido do 2010


# Venres, 12/02/2010
A cidade contou con animación de rúa a cargo de varias charangas

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A lucense Sara Alejandra García Suárez leu hoxe na Casa do Concello o pregón que da comezo ás festas do Entroido 2010.

O programa continuará ata o vindeiro mércores 17 de febreiro no que terá lugar o Enterro da Sardiña. Ata entón serán moitas as actividades previstas: concursos de disfraces para cativos e adultos, feira de produtos típicos do entroido, actuacións de charangas, festas de disfraces, bailes nos centros de convivencia do Concello, e moita animación de rúa coa música das charangas.

Pregón de Sara Alejandra García Suárez:
“Ola e boas noites queridos lucenses. Moitísimas grazas por estar hoxe aquí acompañándome e dándome o voso apoio e a vosa calor, que como o tempo vai bastante frío vos agradezo especialmente.

Tódolos pregóns adoitan comezar cun agradecemento e eu non ía ser menos pero vou ignorar o protocolo e o primeiro que quero pedir é perdón polo meu galego, posto que eu non son galego falante porque nunca o estudei, porque á miña idade non se ensinaba na escola, e na miña casa non se falaba porque miña nai é asturiana. Así e todo, gústame lelo e encántame oílo, mais eu son francamente mala para aprender idiomas, e máis á miña idade.

Dito isto, e xa enlazo cos agradecementos, van as miñas primeiras palabras para a Concellería de Cultura e Turismo, e para a súa titular, dona Mª Concepción Burgo, e un biquiño a tódolos traballadores desa Concellería, pero en especial a Chelo, unha persoa moi agarimosa comigo. Grazas Chelo.

Obviamente tamén teño que dar as grazas ó excelentísimo Concello de Lugo na persoa, hoxe, da súa alcaldesa accidental dona Carmen Basadre Vázquez.

Xa sei que son moi pesada cos agradecementos, mais eu non podo menos que agradecer que se fixaran en min para ser a Pregoeira das festas do Entroido 2010 habendo tantísimas persoas notorias e importantes nesta cidade, e aínda máis, coincidindo co décimo aniversario da declaración da nosa muralla como Patrimonio da Humanidade. Por certo, miña filla pequena, que nese intre tiña catro anos, ó chegar á casa díxome:
-“ Mamá, Papá!, en el colegio me dijeron que la Muralla era ¡MATRIMONIO DE LA HUMANIDAD!”

Para máis honra como pregoeira, se non o sabedes dígovolo, que aínda sendo lucense de adopción, eso si, hai máis de vinte anos, sempre me sentín moi querida nesta cidade percorrendo as súas rúas neste marabilloso marco histórico cos disfraces que son o resultado de moitísimas noites en vela da miña nai que é a que merecería hoxe estar aquí por ser a autora de todo, incluíndo o meu nacemento. Miña nai chámase Saribel. Grazas mamá.

Para ela, facer disfraces é una diversión, como para min facer encrucillados ou punto de cruz. Pero eu, con estas calidades non podo concursar no Entroido. Por iso, somos un equipo: ela pensa e traballa e eu luzo a súa obra.

Vostedes non saben, nin teñen por que saber que estou un pouquiño nerviosa, pois é a primeira vez que falo …¡En público quero dicir, xa que falar, falo de máis! Isto provócame unha sensación que non sei explicar.

Chamáronme do Concello para propoñerme ser a pregoeira do Entroido deste ano, e isto case me provoca un amago de esvaecemento por representar a esta importante cidade como é Lugo no mundo.

Agora vou contar “brevemente” [ ¡Jajaja! ], os meus comezos disfrazándome.
Aínda non tiña os dentes de leite cando me disfrazaron por primeira vez. Como é normal, diso só me acordo por fotografías. Pero si recordo, unha vez que crecín, ir a tódolos Entroidos do meu colexio, e ir ó baile infantil do meu pobo que, se non o dixen antes, chámase Ribadeo.

Nomeo ó meu pobo, porque foi alí onde naceu o meu amor por estas festas disfrazándome coas miñas irmás, e máis tarde co meu marido, as miñas fillas, curmáns e sobriños. Este disfrace que levo hoxe, sei que non representa o espírito galego do Entroido, mais represéntase no mundo, pois penso que as máscaras son o símbolo por antonomasia do Entroido, e que por uns momentos poidamos esquecer as desgrazas e vivir un pouco a ledicia. Eu lévoo con moitísimo orgullo.

E vouvos contar unha cousa que me deixou abraiada, ¡O que son as cousas da vida!, quizás a vós non vos importe moito, pero a min si, ¡que son a que estou a falar! Curiosamente, eu casei co neto do que a finais dos anos corenta era o delegado de traballo en Lugo e logrou que o Martes do Entroido fora festivo, a partir das 3 da tarde. Era un caso excepcional en toda España, onde o Martes de Entroido era día laborable. Aínda hoxe, o Martes de Entroido non é festivo en moitos lugares da nosa terra, cousa que ós lucenses nos sorprende moitísimo. O meu avó político chamábase D. Joaquín Perejón Pardo.

Vouvos contar outra anécdota familiar:
no meu pobo non se celebra o Enterro da Sardiña o mércores de cinza, senón o sábado seguinte ó Martes de Entroido, e chámase Sábado de Viúvas, e xustamente os dous anos que non me disfracei foi cando naceron as miñas fillas, as dúas, o Sábado de Viúvas. E con isto quero dicir que o Entroido forma parte da miña vida. Quero engadir que ese primeiro Sábado de Viúvas púxenme de parto da miña primeira filla. Ese sábado era o primeiro congreso de Tunas Nacional e o meu marido, que participaba nel, tivo que saír do escenario (pois celebrábase no Círculo das Artes) escopetado, vestido de Tuno para acompañarme ó hospital.

Nunca olvidarei ese momento, pois a miña filla foi a primeira nena rondada pola Tuna.

Recordo unha cousa moi graciosa da miña irmá máis pequena: ela tiña uns 5 ou 6 anos e a nosa nai disfrazouna de “galiña Marceliña” e as súas amigas ían de princesas, donas antigas, fadas e raíñas. Ela ía chorando como unha madalena, eso si, ¡rechea de plumas! aínda que gañara o primeiro premio, que era unha bolsa xigante de lambetadas. Hoxe, aínda o recorda, pero ¡Chorando de risa!.

Tamén recordo uns dos disfraces que lle fixo mamá novamente a miña irmá: era “Escarlata O’Hara”, é dicir “¡Sinceramente querida, me importa un bledo!”. Ela, na película, arranxa unha cortina para facer un traxe. E miña nai, como non encontraba a tea e a cor perfecta para facelo, arranxou as faldras dunha mesa camilla. Loxicamente houbo que mercar outras faldras para a devandita mesa.

Sendo eu cativa, miña nai fíxome un traxe que naquel momento eu non entendía. Chamábase segundo ela, “Cholita”, traxe rexional dos indios peruanos. Cabe dicir que é característico das mulleres levar ós seus nenos ó lombo, entón eu ía coa miña saia, as trenzas cos lazos de cores, o pucho…, pero houbo algo que me enfurruñou moito:
Miña nai pintou de marrón a un dos meus monecos preferidos para anudalo ás miñas costas. E xa nunca o recuperei, posto que logo, as miñas fillas levaron o mesmo traxe co meu moneco.

Outra anécdota, e xa remato con elas, foi cando fixo o disfrace de Raíña dos Mares, que levaba centolos, cangrexos, percebes …e para facelo, miña nai e miña irmá, as “pobres” tiveron que xantar case un mes enteiro todos eses mariscos para poder poñelos logo no traxe. Por certo, as nécoras no meu pobo, que é Ribadeo, chámanse “andaricas”. Nunca vin que un disfrace se gozase máis facéndoo que gañando, aínda que fose o primeiro premio.

Quero darlle un biquiño ó meu marido, que me soporta estoicamente tódolos anos nestas festas (e non só nelas), aturando xantares fríos e transportando disfraces e disfrazadas. “Te quiero Jose”.

Remato recordando ao meu pai, aguantando tódolos Entroidos na miña casa con moita paciencia pois aquela non era unha casa senón un caos. Durante as semanas previas ao Entroido non se soportaba a orde nin os horarios habituais. Todo quedaba supeditado ás festas entroideiras. Naquel momento meu pai convertíase no Santo Job ( Santo da paciencia).”Te quiero papá”.

Moitísimas grazas a todos vós por asistir, e por facerme sentir moi querida.
Boas noites e feliz Entroido 2010.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova