Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo colabora coa Deputación no programa Lugo Compite+ co fin de aforrar cartos ás PEMES cun programa personalizado anti-crise para facelas máis competitivas


# Luns, 22/02/2010
* Trátase dunha iniciativa pioneira e totalmente gratuíta dirixida ás pequenas e medianas empresas do centro da provincia para sobrevivir á crise económica

Imaxe Asociada

* O Concello de Lugo contribuirá á captación de empresas ás que a Deputación desprazará expertos económicos para diagnosticar os seus problemas e aplicar estratexias que aseguren a súa supervivencia
* O programa sufragado pola Deputación inclúe 6 semanas de asesoramento individualizado e confidencial, un servizo que no mercado custaría entre 4.500 e 6.000 euros por empresa


O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía e Emprego de Lugo, Sonia Méndez, presentaron este luns Lugo Compite+. Trátase dun novidoso programa anti-crise impulsado polo organismo provincial coa colaboración do Concello de Lugo, totalmente personalizado e dirixido ás pequenas e medianas empresas da zona centro da provincia co obxectivo de facelas máis competitivas para sobrevivir á crise económica.

Sonia Méndez aplaudiu a iniciativa do organismo provincial, e salientou que “en época de crise é fundamental que todas as administracións poñan en marcha accións a favor das empresas”. Neste senso, lembrou que o Concello de Lugo habilitou un Centro de Empresas e Innovación onde se implantaron unhas 15 entidades. “A supervivencia destas empresas é do cen por cen grazas ó asesoramento que reciben, e a atención personalizada que redunda na súa competitividade segundo marca ademais a Unión Europea. Por iso, o Concello tiña que sumarse ó proxecto da Deputación”, apuntou.

A provincia conta cunhas 1.300 PEMES, é dicir, empresas de entre 10 a 200 asalariados que, debido a crise, enfróntanse a situacións que cómpren de solucións urxentes para asegurar a supervivencia. “O programa sufragado ó cen por cen pola Deputación de Lugo, polo tanto con custe cero para as empresas participantes, e que denominamos Lugo Compite Máis, vailles axudar a afianzarse da forma máis práctica e profesional”, explicou o Presidente.

A Deputación ofrece ás PEMES 250 horas de asesoramento empresarial personalizado e útil. O titular do organismo provincial subliñou que “en época de crise hai que reinventarse. As administracións deben adaptarse ás necesidades, e promover iniciativas que tornen as dificultades económicas en oportunidades. Por iso, este é un novidoso programa anti-crise que non dita filosofía, senón que se mete nas tripas e no corazón de cada negocio para solucionar problemas reais. Este é o seu valor engadido”.

Expertos económicos coñecerán in situ, na propia empresa, as oportunidades das participantes fronte ós seus competidores para, primeiro, asegurar a súa permanencia e, logo, consolidar as melloras e potenciar un crecemento sostible. Ademais de ser un programa gratuíto para as PEMES, afórralles cartos porque a contratación desta consultoría suporía un investimento por empresa de entre 4.500-6.000 euros, segundo os prezos reais no mercado de hoxe.


Desenvolvemento do programa
Dende hoxe, a Deputación habilitou na súa páxina web: www.deputacionlugo.org un apartado onde inscribirse. O Concello de Lugo colabora na captación de empresas. Todas as prazas quedarán cubertas rapidamente polo que nos vindeiros días o equipo de consultores comezará a traballar man a man coas empresas inscritas. Durante 6 semanas, e sempre de forma personalizada, analizarán o estado da empresa. Por exemplo: a posición no mercado, o desenvolvemento do produto, rendemento, etc... Diagnosticarán confidencialmente os problemas de cada área empresarial, ensinaranlles técnicas e ferramentas específicas de dirección en tempo de crise, establecerán prioridades e fixarán un calendario para aplicar estratexias de actuación que ofrezan solucións urxentes e prácticas.

Gómez Besteiro subliñou que a Deputación renova o compromiso co tecido empresarial da provincia e que este programa anti-crise engádese a outras medidas máis globais como foron: a redacción do primeiro Plan Estratéxico da Provincia de Lugo; os centros de recría para as razas frisona e rubia, referentes para os gandeiros; a transformación do medio ambiente na oportunidade económica provincial –co Km0, a certificación medioambiental das praias da Mariña, etc-; ou a implantación do programa Innóvate para que administración electrónica na provincia permita, por exemplo, a facturación on line ás empresas.

O Presidente explicou que en dous anos “xa contribuímos a manter postos de traballo na Mariña e na Ribeira Sacra, onde preto de 50 empresas aproveitaron os programas da Deputación destinados á difícil sucesión nas empresas familiares. Ofrecemos tamén un programa de creación de empresas ós empresarios lucenses que residen no exterior. Hoxe presentamos este novidoso programa anti-crise para a zona centro da provincia que será extraordinariamente útil”.

Complementario ás axudas para autónomos
Lara Méndez, responsable da área de Promoción Económica do organismo provincial, destacou o esforzo da Deputación neste programa, máis cando este tipo de competencias corresponden á Xunta de Galicia. “A iniciativa complementa o programa de axuda ós autónomos, no que a Deputación investiu en dous anos 1.400.000 euros en subvencións”, explicou. O INLUDES resolverá nas vindeiras semanas as novas axudas dirixidas ós autónomos despois de recibir a derradeira documentación complementaria dos interesados.

A Deputación recolleu dende o mes de outubro máis de 1.300 solicitudes de autónomos de todos os Concellos da provincia e de todos os sectores. “Isto demostra que o Programa de Apoio o Tecido Empresarial, pioneiro nas Deputacións de España, é un éxito”, concluíu a Vicepresidenta Segunda.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova