Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo explica que nos últimos anos se cambiou a ubicación de 11 mesas electorais para facilitar o voto dos cidadáns


# Martes, 23/02/2010
López Orozco avanzou que o Concello de Lugo remitirá toda a documentación solicitada pola xuíza en relación coas sancións interpostas en Carlos Azcárraga

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, explicou hoxe que nos últimos anos se ten cambiado a ubicación de 11 mesas electorais co fin de facilitar o voto dos cidadáns de Lugo.

Así mesmo, López Orozco recordou que ao rogo presentado polo PP en decembro de 2008 se contestou cun amplo informe que no seu día agradeceu Joaquín Gracía Díez explicando que “se daba por satisfeito” pola información aportada polo persoal de Actas do Goberno Local, ao tempo que felicitou aos autores do mesmo por ser “exhaustivo e completo” e por ter dado a Alcaldía as instrucións oportunas ao respecto.

O Alcalde deu conta da modificación da ubicación de 7 mesas electorais nas pasadas eleccións autonómicas do 1 de marzo de 2009 para mellorar as condicións dos interventores e apoderados da mesa e facilitar “como é a nosa obriga” o voto dos cidadáns.

Xa nas eleccións xerais de 2008 se cambiaran catro mesas co mesmo fin. Con respecto ao barrio da Cheda, López Orozco avanzou que se está traballando desde Actas pero que se trata dunha actuación máis dificultosa, posto que ademais de cambiar a mesa hai que cambiar os listados electorais, tal e como se recolle no informe feito polos servizos xurídicos no seu día.

López Orozco pídelle ao PP que se documente antes de facer declaracións e que consulten aos seus propios compañeiros antes de efectuar manifestacións sobre o traballo dos servizos municipais.

Carlos Azcárraga
En relación coa petición da xuíza -instrutora do caso da presunta retirada de multas- sobre as sancións interpostas na Rúa Carlos Azcárraga, López Orozco explicou que “no menor tempo posible” se remitirá a documentación solicitada.

López Orozco manifestou non ter nada que ocultar en relación coas denuncias desa rúa e destacou a total colaboración coa xustiza do Concello de Lugo.

O Alcalde da cidade recordou a problemática que vivía a Rúa Carlos Azcárraga en 2005 por mor das obras na zona e o continuo “acoso” policial que os veciños viñan denunciando.

López Orozco mantivo varias reunións cos veciños e os comerciantes para coñecer o problema e tratar de pórlle solución. Así, o Concello tomou a decisión de habilitar un aparcamento na parte traseira da Estación do Ferrocarril. Unha obra que custou ás arcas públicas 12.000 euros e que permitía o estacionamento de 60 vehículos.

“Non hai nada que ocultar nin nada que esconder”. “Seguiuse unha pauta de traballo para tratar de solucionar un grave problema que houbo naquel momento nun barrio”. “O Alcalde non pode ter 1.100 veciños que se ven acosados e non ofrecer unha solución ao problema”, destacou.

Así, habilitouse un aparcamento disuasorio con fin de rematar co problema que os veciños viñan denunciando.

Tal e como se lle achegará á xuíza, todas as denuncias interpostas no día solicitado foron tramitadas.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova