Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza unha nova edición da Mostra de teatro Galego. Xoves de humor


# Mércores, 24/02/2010
* O ciclo arrincará mañá xoves 25 de febreiro coa obra E ti quen ves sendo? no Auditorio Municipal Gustavo Freire

* A gala inaugural de Lugo10 retransmitida en América e Europa a través da canle internacional da TVG

O Concello de Lugo, en colaboración co Igaem, achega á cidade un ano máis o ciclo Teatro Galego Xoves de humor. A mostra, que comeza mañá xoves 25, acollerá a montaxe de catro pezas galegas ata o 18 de marzo.

A primeira das obras en chegar á cidade será E ti de quen ves sendo? de Talía Teatro. O espectáculo plantexa que pasaría se, de súpeto, alguén que é unha copia exacta de ti mesmo ocupase o teu lugar na vida. Como demostrar que un mesmo é o auténtico cando o outro é idéntico a un mesmo? Este é o arranque da peripecia do Anfitrión Plauto, revisada en clave actual por Cándido Pazó.

A seguinte das obras chega da man de Ónfalo Teatro que representarán Neuras, unha comedia sobre as neuras da sociedade contemporánea e urbana. As personaxes son xente nova, desenfadada e, aparentemente, desinhibida, pero que teñen problemas de aceptación do seu propio corpo e de si mesmos. A obra aborda temas fundamentais como o respecto a quen se sente diferente, o respecto a nós mesmos, a tiranía da moda, a busca da felicidade, a parella, o amor… A obra terá lugar o xoves 4 de marzo.

Fulano, Mengano e Citano presentan o 11 de marzo Nunca menos, un percorrido en clave de humor a través da historia de Galicia. A obra leva ao espectador polas orixes, costumes e tradicións desta terra de bispos e reis, de nobres e servos, de heroes e traidores.

Porá fin a este ciclo, o 18 de marzo, Lagarta Lagarta coa obra O segredo dos Hoffman. A historia conta como os catro membros dunha familia rota por un segredo oculto se xuntan de novo con motivo do falecemento da avoa. Os seus recordos, soños e anhelos describen un universo pechado de enorme carga emotiva.

As entradas poderán mercarse na taquilla do Auditorio Municipal Gustavo Freire os días das funcións unha hora antes dos espectáculos que comezarán ás 20.30 horas. O importe das entradas variará segundo a zona: zona A 10 euros, zona B 7 euros e zona C 5 euros.

Descargar o programa de Teatro Galego Xoves de humor 

Lugo10 internacional
A gala inaugural da programación de Lugo10 para conmemorar o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial será retransmitida a través da canle internacional de TVG.

Será hoxe día 24 de febreiro para América ás 22:00 hora Arxentina, e o vindeiro 4 de marzo para Europa ás 23.30 hora española.

Os telespectadores poderán disfrutar da gala celebrada o pasado 10 de xaneiro no Círculo das Artes de Lugo e que contou coa presenza de preto de 300 persoas, e a actuación do dúo Soas, composto por Cristina Pato e Rosa Cedrón, e a presentación de Laura Peña e o monologuista Pepo Suevos.

www.lugo10.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova