Imprimir

MÁIS DE 4.500 ALUMNOS E ALUMNAS DE SECUNDARIA PARTICIPARÁN EN LUGO NO CIRCUÍTO DE FESTIVAIS DE TEATRO GRECOLATINO DE ESPAÑA


2/3/2010 Organizado pola Concellería de Educación conta cun programa de cinco obras teatrais

A Concellería de Educación, que dirixe María Dolores Vieiro, participa novamente este ano no circuíto de Festivais de Teatro Grecolatino de España. Nesta ocasión, a cidade de Lugo contará con cinco actuacións teatrais, que se desenvolverán dende o luns día 8 de marzo e que se alongarán ata o mércores día 10.

Os alumnos e alumnas de máis de 90 centros escolares de toda Galicia, León, Zamora e Valladolid asistirán ás representacións, que terán lugar no Auditorio Gustavo Freire. Coa asistencia de máis de 4.500 rapaces confírmase o éxito de convocatoria desta actividade e proba que a cultura clásica goza dunha excelente saúde na nosa comunidade.

As obras están destinadas a rapaces de Educación Secundaria e Bacharelato, concretamente das especialidades de grego e latín e os grupos que actúan están conformados por alumnos de centros de ensino e afeccionados.

A Mostra deste ano contará coa representación de Electra de Sófocles, Troyanas de Eurípides, así como as comedias Asamblea de Mujeres de (Aristófanes), Cásina e Gemelos de Plauto.

O Concello de Lugo participa nos últimos anos neste ciclo que destaca pola profunda implicación dos centros no mesmo, na faceta de público e tamén na de actores.

O programa oferta para os alumnos que acuden doutras cidades unha visita á cidade de Lugo que inclúe os seus monumentos, museos e arredores. Este ano terá especial relevancia a visita á Muralla que celebra o seu décimo aniversario como Patrimonio Mundial.