Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo, o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia asumen a folla de ruta que permitirá que a cidade conte cunha estación intermodal accesible, eficaz e de futuro


# Venres, 05/03/2010


Imaxe Asociada

* O Alcalde da cidade mantivo unha xuntanza de traballo co Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

* Convocarase un concurso de ideas que defina cal será a funcionalidade, a estrutura e o contido da estación


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo na que participaron, entre outros, o Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas, Víctor Morlán, e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na que se fixou unha folla de ruta que permitirá que a cidade conte cunha estación intermodal que se situará onde está a actual estación de ferrocarril.

López Orozco saudou a reunión celebrada hoxe, ao tempo que recordou a importancia de ter asinado o convenio que no seu día rubricaron o Ministro de Fomento e o Presidente da Xunta de Galicia para a chegada da alta velocidade e que agora “tamén se fai realidade en Lugo”.

“O compromiso do Ministerio e do Ministro con Lugo plasmouse naquel acordo e hoxe comeza a ser realidade no que se refire á estación intermodal”, expuxo.

O Alcalde de Lugo salientou que hoxe “se completa un traballo que está acometendo a Consellería no Plan Paradai, completando e complementando un traballo que lle dará unha nova vida a distintos barrios da cidade e que será o nexo de unión co resto da cidade”.

Boa vontade das tres administracións
Trátase dun acordo froito da actuación conxunta e a vontade política de tres administracións que vai permitir “que Lugo teña o mesmo que teñen o resto das cidades de Galicia e de España”. Así, referiuse a unha actuación “urbanística e de transporte de mobilidade moi importante, e tamén salientou a súa relevancia como actuación social”.

López Orozco pediu que se lle transmita ao Ministro de Fomento e ao Presidente da Xunta “que ten merecido a pena asinar ese convenio e cumprir os compromisos que recolle para que Galicia sexa un territorio unido, desenvolvido e que participará no crecemento de España e da UE”.

Convocatoria dun concurso de ideas
O Secretario de Estado destacou que este acordo permite ir dando pasos e desbloqueando aqueles puntos necesarios para acometer o obxectivo fundamental: “que a alta velocidade chegue a Lugo e ás capitais galegas da mesma maneira que está chegando a outras capitais de España”.

Víctor Morlán destacou que a estación intermodal de Lugo será unha infraestrutura dotada cunha estación de autobuses, unha estación de ferrocarril, así como parte doutros servizos de carácter comercial que poidan existir.

“E para que isto sexa un fito, expuxo, e sexa un motivo de atracción para a cidade e os visitantes, acordamos convocar un concurso de ideas no mes de maio no que se colaborará co Colexio de Arquitectos de Lugo para que definan cal será a súa estrutura, cal será a funcionalidade e o contido da estación”.

Así mesmo, avanzou que no mes de marzo as administracións definirán os usos do solo na zona, os aspectos de mobilidade, e as características da estación para respectar a intermodalidade.

A convocatoria do concurso de ideas resolverase en dous meses. Así, no mes de setembro o xurado constituído polas administracións fallará e adxudicará o proxecto da futura estación intermodal de Lugo.

A partir de setembro, contarase con seis meses para ter un proxecto básico onde se vexan os aspectos funcionais e de mobilidade en relación co entorno que levará a estación.

Desenvolvemento da actuación
Víctor Morlán anunciou que, en paralelo, as tres administracións traballarán na preparación dun convenio no que se establezan as fórmulas de financiamento dos usos do solo, e no que se recollan os aspectos que teñen que ver co desenvolvemento integral da actuación.

Na súa intervención, o Secretario de Estado explicou que a folla de ruta trazada hoxe marca a solución definitiva á integración da Alta Velocidade en Lugo e “a dispor dunha infraestrutura de transportes, tanto ferroviarios como viarios, que vai significar un antes e un despois no que é a chegada do AVE a Lugo que se fará no menor tempo posible”.

Pola súa banda, o Conselleiro de Medio Ambiente destacou que a folla de ruta parte do consenso, do mesmo que no seu momento levou ao Ministerio e á Xunta á sinatura do acordo do Obradoiro.

“O importante de hoxe é que acordamos unha folla de ruta que rematará na futura estación intermodal da cidade. É importante saber que hai consenso das tres administracións na liña de que Lugo conte cunha estación intermodal accesible, eficaz, de futuro, e que permita o traslado da actual estación de autobuses a esa nova implantación que, en definitiva, é a nova centralidade de Lugo e representa unha nova oportunidade para a cidade como o serán no resto das cidades de Galicia”.

A Consellería colaborará co Ministerio e co Concello no ámbito das súas competencias para acadar os mellores resultados. “Traballaremos a reo para cumprir a folla de ruta que marca uns prazos realistas e importantes para acurtar os tempos de traballo conxunto, que estou seguro que levará ao obxectivo de que Lugo conte cun verdadeiro AVE e unha estación nova que sexa unha oportunidade para a cidade” remarcou.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova