Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta Local de Seguridade constitúe unha mesa técnica sobre a violencia de xénero


# Mércores, 10/03/2010
O Concello de Lugo propuxo na xuntanza a creación dunha mesa de seguimento do consumo de drogas na cidade

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Os membros da Xunta Local de Seguridade analizaron os datos de protección cidadá en Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, presidiron esta mañá unha sesión ordinaria da Xunta Local de Seguridade na que tamén participaron representantes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil, Unidade de Tráfico e da Policía Local.

Nesta xuntanza decidiuse aprobar a creación dunha mesa técnica sobre a violencia de xénero. O Alcalde afirmou que “é un tema do que temos que facer un bo seguimento”.

O Alcalde anunciou, ademais, que o Concello levou a esta xuntanza a proposta para a constitución dunha mesa de control e seguimento do consumo de drogas no noso Concello. “Tendo en conta que as competencias neste tema están claramente delimitadas, cremos que podemos traballar conxuntamente para facer un seguimento da situación e colaborar para mellorar a prevención das drogadiccións”, explicou.

Mesa sobre violencia de xénero
A administración local, en canto é a instancia mais próxima á cidadanía, configúrase cómo espazo privilexiado para a intervención con mulleres vítimas de violencia. Así mesmo, neste ámbito a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que, se partimos dunha actuación global e integral, esta só é posible coa estreita cooperación entre profesionais, facilitando unha atención eficaz, inmediata e que cubra a totalidade da rede de atención a persoas que sofren esta problemática.

Segundo explicou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, “o obxectivo fundamental desta mesa será o de mellorar a atención integral que suscita a problemática da violencia contra as mulleres. Así como favorecer a coordinación entre os distintos ámbitos de actuación, desenvolvendo e unificando criterios comúns de atención ás usuarias”.

A intención é garantir que desde os servizos sociais, servizos sanitarios, educativos, policiais, xudiciais e xurídicos se evite a revitimización das mulleres vítimas de violencia de xénero, facilitando ás e aos profesionais as ferramentas necesarias para desenvolver dun xeito adecuado a súa intervención e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.

Ademais, preténdese optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, intercambiando información e prestándose colaboración cando se demande. Potenciarase tamén a formación continua e permanente do persoal que intervén na atención a vítimas de violencia.

As funcións da mesa serán as seguintes:
1. Analizar a incidencia da violencia de xénero na nosa localidade.
2. Definir mecanismos eficientes de coordinación, detectando as deficiencias importantes na atención ás vítimas de violencia e aportando as posibles solucións.
3. Avaliar a efectividade das intervencións, dotando ás e ós profesionais dos diferentes ámbitos de intervención dos coñecementos e instrumentos necesarios para posibilitar a detección e avaliación da situación de violencia.
4. Aprobar propostas ou suxestións.
5. Realizar o seguimento dos acordos adoptados.

A través da constitución da mesa de coordinación para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero, preténdese garantir, fomentar e implementar accións e fórmulas preventivas, xunto a unha atención de calidade. Trátase, en definitiva, de organizar a resposta ou solución que se presta ante unha situación identificada como violencia de xénero.

As reunións da mesa serán convocadas pola Concellería de Igualdade e Benestar, cunha periodicidade trimestral, levantándose acta dos acordos adoptados. Tamén se poderá reunir a mesa de forma extraordinaria sempre que o solicite calquera das institucións ou organismos representados, mediante convocatoria da Concellería de Igualdade e Benestar.

Balance de seguridade
Pola súa banda, o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, fixo balance dos datos sobre a seguridade que afectan á cidade de Lugo. Explicou que na demarcación policial de Lugo desde xaneiro de 2009 ata decembro do mesmo ano experimentouse un descenso de máis dun 11% no total de roubos con violencia ou intimidación, máis dun 4% no total de delitos contra o patrimonio, e dun 0,81% no total de delitos coñecidos no 2009 e do 43´85% nos meses de xaneiro e febreiro de 2010.

Os roubos con violencia ou tiróns diminuíron en máis dun 42% no 2009, así como os roubos de vehículos que descenderon máis do 30% no 2009 e o 64% no que vai de 2010. Os delitos contra a seguridade viaria que experimentaron un descenso de máis dun 26% no 2009 e do 75% no 2010.

Por outra banda, aprécianse nos meses que levamos deste ano cambios de tendencia, destacando un significativo descenso de máis dun 43% no total de roubos con intimidación e similar porcentaxe no total de roubos con forza, un descenso de máis dun 32% no total de delitos e de máis dun 6% no total das faltas cometidas, así como un descenso de máis dun 18% na agrupación dos delitos máis as faltas cometidas.

Á vista de todos estes datos compréndese porque a provincia de Lugo está situada nun primeiro posto a nivel galego en menor índice de criminalidade, nun terceiro posto a nivel estatal precedido por Navarra e Badaxoz e no caso de Lugo cidade, en porcentaxes inferiores ás cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, entre outras, e similar aos datos de Ourense.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova