Imprimir

O ALCALDE DE LUGO RECIBE NA CASA DO CONCELLO AO ALCALDE E AO CONCELLEIRO DE RELACIÓNS INSTITUCIONAIS DE TARRAGONA


11/3/2010 A recepción contou coa participación de 44 persoas da cidade catalana

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello ao Alcalde de Tarragona, Josep Félix Ballesteros, ao Concelleiro de Relacións Institucionais de Tarragona, Manuel López Pasca, e a un grupo de 44 persoas da cidade catalana que están a visitar a cidade.

O Alcalde deulles á benvida á cidade e falou sobre o pasado romano que nos une, que nos honra e que nos debe facer sentir orgullos, e engadiu este pasado deunos a nosa actual cultura, o noso idioma.

López Orozco indicoulles que “seguiremos traballando para que a cidade estea cada día mellor para os seus veciños e veciñas e aqueles que nos visiten”.

O Alcalde de Tarragona, pola súa banda, destacou que esta visita débese á promoción da cidade feita polo Alcalde de Lugo nunhas xornadas europeas celebradas na cidade catalana. “A súa capacidade de sedución fixo que cambiaramos a nosa axenda e visitaramos Lugo”.

Ballesteros destacou a beleza do casco histórico, da Muralla, da peonalización do centro, etc, e afirmou que “imos a comezar unhas relacións frecuentes de intercambio de experiencias entre Lugo e Tarragona”.

Os visitantes coñeceron ademais na súa visita o programa Lugo10 co que se está a celebrar o Décimo Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio Mundial.

O Alcalde de Lugo entregou á delegación tarraconense un libro sobre a Muralla, e un pin da Mosqueira, e pola súa banda Ballesteros entregou a López Orozco a reprodución dunha boneca romana atopada en Tarragona.