Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo participa nun programa de intercambio entre emprendedores europeos


# Mércores, 17/03/2010
* López Orozco destacou que o proxecto Eurotroco axudará a construír Europa e permitirá que os empresarios lucenses abran novos horizontes empresariais

* Un total de 30 empresarios lucenses poderán compartir as súas experiencias con empresarios de Suecia e Italia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, presentaron esta mañá un novo programa de intercambio europeo dirixido aos emprendedores lucenses.

Trátase, segundo destacou López Orozco de que os empresarios e os novos emprendedores da cidade coñezan o mercado a nivel internacional e poidan competir nas mellores condicións a través da súa experiencia e das súas iniciativas empresariais.

O Alcalde de Lugo animou aos empresarios a que se acollan ao proxecto, posto que “nun mundo global e competitivo é fundamental intercambiar coñecemento e experiencias para abrir novos horizontes. Axuda, así mesmo, destacou, a construír Europa, coñecela mellor e facela máis forte”.

“O proxecto permitirá que os empresarios lucenses sexan os mellores embaixadores da cidade e que colaboren para acadar a internacionalización das nosas empresas o os nosos emprendedores”, remarcou.

Pola súa banda, a Vicepresidenta Primeira da Deputación de Lugo, Lara Méndez, insistiu na necesidade de fomentar proxectos como o coñecido hoxe de cara a lograr entidades competitivas que sobrevivan ás dificultades económicas. “Neste tema o Concello de Lugo non traballa só, xa que a Deputación comparte esta aposta polo sector empresarial”, incidiu.

Neste sentido, Lara Méndez referiuse a outros proxectos postos en marcha con grande éxito por ambas as administracións como o programa anticrise personalizado Lugo Compite+, o Plan Urban ou os actos de celebración do aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.



30 emprendedores beneficiados
O proxecto Eurotroco beneficiará a 30 emprendedores, dando prioridade a aqueles con novas empresas ou proxectos de empresa, que pasarán un mes con empresarios de acollida en Italia e Suecia. O programa Erasmus for Young Entrepeneurs (EYE) é un proxecto piloto financiado pola UE que pretende favorecer os contactos interempresariais, o coñecemento de novos mercados e formas de traballo, así como a internacionalización das empresas.

Para levar a cabo este proxecto o Concello de Lugo conta cunha rede de socios europeos: a Alfombra Roja en Estocolmo e a Academia Europea de Florencia, que serán os encargados de localizar aos emprendedores de acollida nestes países, e, se fose necesario, podendo contactar con empresas de acollida noutros países europeos, xa que o proxecto conta con máis de 100 organismos intermedios en toda Europa.

O orzamento total de Eurotroco son 52.078,29 €, dos cales 40.084,88€ corresponden á subvención concedida pola Comisión Europea, 10.735,07€ corresponden á cofinanciación do Concello de Lugo e os 1.258,53€ restantes son cofinanciados polos socios europeos.

Os emprendedores lucenses que participen neste proxecto contarán con 950 €/mes no caso de ir a Suecia e 900€/mes os que escollan Italia (máximos permitidos pola UE para viaxe e gastos de estadía).

O 24 de febreiro de 2010 tivo lugar en Bruselas a presentación da segunda fase deste programa de intercambio para emprendedores e a celebración do primeiro aniversario do lanzamento do mesmo que tivera lugar en febreiro do 2009. Desde esa data lévanse contabilizados 170 intercambios e máis de 1.000 solicitudes, sendo Italia e España os países máis activos.

O obxectivo do Goberno Local é seguir a apostar pola formación dos lucenses para que poidan competir no mercado laboral e empresarial de calidade.

Para obter máis información sobre o programa pódense consultar as seguintes webs:
http://eurotroco.blogspot.com e www.erasmus-entrepreneurs.eu.

As persoas interesadas en participar neste proxecto poden recibir máis información no Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, teléfono 982 297 468 ou na seguinte dirección de correo electrónico: paitarrobacei.lugo.es ou no blog http://eurotroco.blogspot.com.

cei.lugo.es

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova