Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA A PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO, XXXVIII SEMANA DO CORPUS


18/3/2010 A nova edición arrincará o 17 de abril cun concerto dedicado a Pergolesi no Círculo das Artes

O Concello de Lugo presentou unha nova edición do Festival de Música Cidade de Lugo, coincidindo coa XXXVIII Semana do Corpus que se desenvolverá ao longo de abril, maio e xuño. O que xa está considerado como o mellor festival de música clásica de Galicia e que conta cun enorme recoñecemento a nivel nacional, foi presentado hoxe pola Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, o Director do Festival, Víctor Carou, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta, José Carlos Rodríguez Andina, e o director da fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez.

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, explicou que nos últimos anos conseguimos facer un festival que é un referente no seu xénero en Galicia e en todo o noroeste peninsular dentro da música clásica. Burgo engadiu, “é un festival que cubre os gustos máis variados de distintos xénero con figuras musicais de primeira liña”.

Esta edición do festival, arrinca o sábado 17 de abril ás 20.30 horas no Círculo das Artes co concerto adicado a Pergolesi e os seus contemporáneos protagonizado polo prestixioso grupo italiano La Risonanza e o seu director Fabio Bonizzoni, que regresan á cidade tras o éxito acadado o ano pasado co oratorio de Haendel.

Contará cun total de 21 concertos de diferentes estilos musicais nos que estarán en Lugo as grandes estrelas do panorama lírico mundial.

Recoñecemento a Chopin
No 2010 cúmprese o bicentenario do nacemento de Fréderic Chopin e haberá un concerto dedicado ao compositor polaco cunha faciana pouco coñecida da súa obra, a da canción, nun concerto no que a soprano extremeña María Espada e o pianista Kennedy Moretti afonda na relación e influencia entre as composicións de Chopin e autores como Rossini, Bellini e Donizetti.

Continuarase co ciclo iniciado hai dous anos dedicado ao compositor inglés Benjamin Britten que contará con figuras como o pianista Roger Vignoles, o barítono Ronan Collet.

Volven este ano tamén os concertos en familia, que terán lugar os sábados no Círculo das Artes. Títeres e música únense nos espectáculos titulados Hansel e Gretel a cargo de Pentafonía e a Compañía Seisdedos, A caixa de música da man de Viravolta títeres e Kashmir rumbo a Lugo coa agrupación Evo.

No referente aos concertos adicados aos máis cativos, Burgo resaltou que é unha forte aposta do Goberno Local, incidindo sobre todo nos concertos para nenos "cos que se tenta captar aos máis pequenos no coñecemento da música clásica porque queremos crear este tipo de inquietudes, porque a música clásica canto máis a escoitas máis che gusta", dixo.

Non faltarán tampouco os concertos de música de cámara, a lírica que este ano contará cunha grande variedade de xéneros como ópera, lied e canción, opereta….

Este completo programa de concertos desenvolverase ata o 1 de xuño no que a soprano granadina María José Moreno acompañada pola Orquestra de Cámara Sinfónica de Galicia, dirixida por Massimo Spadano, clausurará esta nova edición do festival ás 20.30 horas no Círculo das Artes.

Ao longo do programa utilizaranse catro espazos para a promoción: o Círculo das Artes, a Fundación Caixa Galicia, a Igrexa de San Pedro e o Conservatorio de Música. Como en anos anteriores, todos os concertos serán de libre acceso e gratuítos.

Descargar o programa completo (PDF 746 KB)