Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O stand turístico "Muralla de Lugo" surcará as estradas da provincia a partir do mes de abril


# Luns, 22/03/2010
* López Orozco e Gómez Besteiro deron conta hoxe do inicio das actividades de colaboración entre o Concello e a Deputación para a promoción dos actos de Lugo10

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

* O Concello de Lugo e a Fundación Azkar asinaron hoxe un convenio de colaboración no marco de Lugo10 que conmemora o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio


O stand turístico Muralla de Lugo surcará as estradas galegas a partir do mes de abril. Así o anunciaron hoxe o Alcalde de Lugo e o Presidente da Deputación no marco do convenio que ambas as administración suscribiron para conmemorar o Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

No mesmo acto, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente do padroado da Fundación Azkar, Luis Fernández Somoza, asinaron un convenio de colaboración no marco de Lugo10 para a realización dos actos e actividades que se engloban baixo a marca coa que o Concello de Lugo está a conmemorar o décimo aniversario da Muralla Romana como Patrimonio Mundial.

López Orozco destacou a importancia de que unha das empresas máis relevantes de Europa decidise apoiar á Muralla no décimo aniversario da súa proclamación como Patrimonio da Humanidade.

Fernández Somoza puxo en valor o orgullo de ser lucenses, “o que fortalece a identidade lucense e galega”. “Ser de Lugo é un título que temos que levar con orgullo”, remarcou.

Convenio de colaboración
O convenio establece a colaboración para a organización, programación e posta en marcha deste programa cultural, artístico, deportivo, científico, turístico e, sobre todo, social, para o que é precisa a colaboración económica de todas as empresas que queiran sumarse ao proxecto.

Segundo este convenio a Fundación Azkar aportará un total de 10.000 euros como patrocinador da programación de Lugo10, recibindo o título de embaixador da Muralla Romana de Lugo.

Ademais, o Concello de Lugo fará constar a colaboración da Fundación nun lugar prioritario do conxunto de accións incluídas na comunicación global corporativa, como campañas de publicidade e márketing que se leven a cabo.

Lugo10
Lugo10
é un completo programa de actividades e actos que busca a promoción e difusión dun extraordinario monumento como é a Muralla Romana de Lugo, Patrimonio Mundial.

O obxectivo deste programa é involucrar ás forzas vivas da cidade e ao conxunto da cidadanía para que traballen de forma unida nun proxecto de difusión do patrimonio e a historia de Lugo, que favoreza e potencie a imaxe positiva da cidade tanto dentro como fora.

Colaboración da Deputación
Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Lugo explicou que “dende que o Alcalde nos ilusionou co programa Lugo 10, Deputación e o Concello levamos meses traballando man a man para aproveitar este acontecemento único”. Hoxe, con este novo convenio, volvemos aplicar a máxima da Deputación: “Sumando esforzos”.

E precisamente, grazas á suma de esforzos das cofrarías de pescadores da Mariña -que nos facilitaron todo tipo de material pesqueiro e náutico-, no mes de abril, moito antes do previsto, “surcará” as estradas da provincia o barco Muralla de Lugo da Deputación. Este stand turístico-medioambiental móbil e pioneiro en España promocionará no exterior as riquezas da nosa provincia e exercerá de embaixador da Muralla.

Asimesmo adiantou que no mes de abril se presentará o “Muralla de Lugo” nunha botadura oficial, coma todas as embarcacións, data na que tamén arrincarán outras actividades da programación da Deputación para Lugo10.

Por outra banda, o 19 de abril a Muralla de Lugo e o decimoquinto aniversario do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación camiñarán da man na Gala Muralla Moda 2010. “Tamén podo anunciarlles que, aínda que a proposta inicial debémoslla á tenda Dulce Locura de Lugo –que é unha das organizadoras-, esta Gala da Muralla servirá de plataforma para os novos deseñadores lucenses que xa están despuntando no panorama nacional. Tamén lles adianto que os beneficios da recadación da Gala serán para as asociacións con fin sociais da cidade”, destacou.

Tamén en abril, se presentará o “1º Concurso Nacional de curtas e maquetas Lugo10” co que procuraremos, grazas á Fundación TIC -dependente da Deputación-, que se escoite e se vexa Lugo fóra da nosa Comunidade a través das curtametraxes e as cancións sobre a Muralla que se presenten.

En cuarto lugar, tamén no mes de abril presentarase a programación da campaña Lugoteando, que promocionará o outro patrimonio que temos na cidade ademais do histórico: o patrimonio natural. Ofrecerá actividades nunca vistas no río.

“Como ven, Deputación, Concello, grandes empresas como a que nos acompaña hoxe, pescadores da Mariña, deseñadores, artesáns…etc… A suma de todos fai que o nome de Lugo esté e estará en boca de todos”, salientou o presidente.


Ata a data patrocinan Lugo10:
Deputación provincial de Lugo
Fundación Tic
Telefónica
Calfensa
Nupel
Urbaser
EMETEL
Gestagua
Transportes Valín
Cociñas Lareira
ONCE
Coca Cola
Ribeira Sacra
Fundación César Egido
Fundación Azkar


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova