Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Educación organiza unha completa campaña de animación á lectura para os escolares lucenses


# Luns, 29/03/2010
As actividades desenvolveranse ata finais de abril e participarán máis de 3.100 escolares

Imaxe Asociada

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, presentou esta mañá a campaña de animación á lectura organizada pola súa Concellería e dirixida aos escolares da cidade.

Esta campaña inclúe diferentes iniciativas que se desenvolverán a finais de marzo e no mes de abril. “Realizamos a animación á lectura co obxectivo de animar aos escolares a ler para que melloren na lectura e na escritura dunha maneira lúdica”, explicou a Concelleira.

CONTARTE QUINCENA DA ARTE E DA LITERATURA INFANTIL (editorial OQO) Véñese desenvolvendo desde o 15 de marzo e alargarase ata o 7 de abril. Esta iniciativa inclúe unha serie de obradoiros para escolares de primaria dos CEIP de Lugo. Participan 14 centros en dous obradoiros cada un cun total de 700 escolares.

Obradoiros:
-“OQO VERMELLO, NEGRO E UN POUCO DE BRANCO”
- QON POSICIÓN. OBRADOIRO DE PLÁSTICA CREATIVA”

EU TAMÉN ANIMO! Dirixido aos alumnos da Escola de artes Ramón Falcón- Partindo da proposta plástica e literaria dos álbums ilustrados de OQO editora, as personaxes saen dos libros para converterse en películas de animación. Xunto ao prestixioso animador Luis Téllez o alumnado realizará unha curta de animación.

SEMANA DA ORALIDADE. Do 12 ao 16 de abril os “contadores” : Marisa Irimia, Servando Barreiro, Eva Cabo, Mario Tomas, Esther Pedrouzo, acudirán aos CEIP de Lugo e realizarán 16 sesións en total, cun total de 800 escolares de infantil e primaria.

PROGRAMA PARA SECUNDARIA: COÑECE A OBRA DE ÁLVARO CUNQUEIRO (editorial Galaxia). O obxectivo deste programa é dar a coñecer a obra de Álvaro Cunqueiro entre os rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato de Lugo e salientar a importancia que este autor ten na nosa historia e na nosa literatura. O programa consta das seguintes actividades:

- ANIMACIÓN DRAMATIZADA.- Unha montaxe teatral interpretada e dirixida por Sabela Gago sobre o Merlín e Familia. A montaxe protagoniza unha estudosa experta en temas cunquerianos que mantén unha hipótese sobre a localización da selva de Esmelle. Cóntanos como un día, facendo un traballo de campo, tivo un accidente e golpeouse a cabeza. Cando acordou, atopouse ao coidado de Felipe de Amancia e a súa ama. Felipe cóidaa e cóntalle historias que ela nos fai chegar agora a nós. Estas historias son tres dos relatos incluídos no Merlín e familia. As técnicas que utiliza son a narración oral e a dramatización coa participación do público. Esta actividade levarase a cabo os días 19 , 20 e 21 de abril no Centro de Convivencia de Fingoi. Levaranse a cabo 6 funcións en total dirixidas a 750 escolares de secundaria.

- DOTACIÓN PARA AS BIBLIOTECAS.- Dotar ás bibliotecas de aula dos rapaces e rapazas que participen nesta campaña coa obra literaria de Cunqueiro para que poidan achegarse a ela e, o mesmo tempo, permitir que os profesores e profesoras que o desexen poidan desarrollar na aula un traballo que contextualice e optimice o aproveitamento da asistencia ao teatro. Todos os grupos de rapaces e rapazas que participen recibiran o seguinte lote de libros para a súa biblioteca de aula:


Si o vello Sinbad volvese ás illas
Merlín e familia
Crónicas do Sochantre
Poesía 1932-33
Os outros feirantes
Escola de menciñeiros
Tesouros novos e vellos
Incerto Señor Don Hamlet
Flor de diversos
Herba de aquí ou acola
Dona do corpo delgado

PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARA EDUCACIÓN INFANTIL (editorial Anaya). Con motivo da celebración escolar do Día Internacional do libro infantil o día 2 de abril, e o Día mundial do libro o día 23 do mesmo mes a Concellería de Educación envíalles aos centros educativos unha selección de libros de literatura infantil, como dotación para ás súas bibliotecas.

En relación con esta conmemoración tamén terá lugar o espectáculo con proxeccións de tres dos contos que se lles enviará aos centros e titulado Un avó con moito conto no club dos cruzacontos que terá lugar do 26 ao 28 de abril no salón de actos do Centro de Convivencia de Fingoi, e que terá unha duración de 45 minutos.

A actividade de animación está dirixida ao alumnado de Educación Infantil dos CEIP de Lugo e serán o redor de 900 escolares os que participen nesta actividade.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova