Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e Obra Social la Caixa presentan unha exposición sobre as orixes do home


# Martes, 30/03/2010
A mostra estará aberta ao público nunha carpa instalada na Praza Horta do Seminario do 30 de marzo ao 27 de abril

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Obra Social “la Caixa” e o Concello de Lugo presentan unha exposición sobre as orixes do home que foi inaugurada esta mañá polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Secretario Xeral da Fundación, Lluis Reverter, e o Delegado Xeral da Caixa en Galicia, Marc Benhamou.

O Alcalde resaltou que “o que se pode ver nesta exposición é a importancia do que nos separou dos outros seres que é o coñecemento, unha materia prima que non se agota xamais, por iso nunha cidade apostar polo coñecemento é apostar por un valor seguro, xa que é un recurso humano inesgotable e moi importante” e engadiu “en Lugo temos que ter moi aprendida esa lección porque para nós esa materia prima é fundamental”.

A mostra estructurase en diversos ámbitos, cinco momentos clave na evolución da Humanidade. Un camiño que diversas especies do noso xénero percorreron con maior ou menor éxito.

Vivindo nas árbores
Un plafón mural que representa o paso dunha selva de fai 10 millóns de anos ata a sabana de hai 4 millóns, introduce ao visitante na exposición.

Fai uns 10 millóns de anos, un antepasado euroasiático do eslabón perdido, o Dryopithecus (mono das árbores, en grego) desenvolveu a branquiación, unha maior lonxitude da man, uns brazos máis longos que as pernas, unha columna vertebral máis curta e ríxida, un tórax ensanchado... Desta forma puido desprazarse colgado das ramas e escapar dos depredadores do chan. Medía 1,10 m de alto e pesaba ao redor 34 quilogramos. Estes antropoides vivían en grupos e avisábanse uns a outros cando detectaban algún perigo, ademais de compartir alimento e diversións.

A partir de aquí, os homínidos sufriron unha serie de adaptacións e adquisicións culturais para sobrevivir nun medio hostil e chegar ata o home actual.

No interior da sala, o visitante poderá contemplar a escultura realista dun Dryophitecus e a reprodución do esqueleto de Dryophitecus laietanus de Can Llobateres coñecido como”Jordi”. Outra especie que se poderá ver é o Ardipithecus ramidus, o primeiro homínido coñecido que viviu fai uns 5 millóns de anos e que pertence a unha rama lateral da nosa liña evolutiva, próximo á separación entre chimpancés e humanos.

O bipedismo
Fai 6 millóns de anos, os cambios climáticos provocaron a redución das selvas húmidas, o que motivou novas necesidades nos antropoides, como o cambio de hábitat ou a necesidade de baixar ao chan e desenvolver novos mecanismos defensivos.

O bipedismo permitiu aos primates dominar un horizonte máis afastado, desprazarse mais eficazmente e asegurarse a alimentación. Ademais, o feito de ter as mans libres facilitaba a recolección e o procesamento dos alimentos.

O camiño cara a hominización non foi fácil e parece ser que os cambios climáticos, xunto cos biolóxicos, tiveron un papel primordial no éxito evolutivo das especies.
Australopithecus anamensis
Hai máis de 4 millóns de anos, as poboacións de homínidos xa eran bípedas. O homínido máis antigo confirmando é o Australopithecus anamensisk (simio austral do lago Turkana), de ósos grácil, que camiñaba xa dunha forma moi parecida á nosa e que evolucionou cara o xénero humano e cara os Paranthropus, extinguidos sen descendencia hai 1,5 millóns de anos. Os restos recuperados do Australopithecus anamensis indican unha alimentación baseada nas froitas e os vexetais duros, ademais de confirmarnos o seu bipedismo. As pegadas impresas nas cinzas volcánicas de Laetoli hai 3,6 millóns de anos son testemuño impresionante das orixes remotas do bipedismo humano.

O visitante poderá contemplar esculturas de tamaño natural que representan os xéneros Australopithecus e Paranthropus, reproducións de cranios e fósiles, entre eles o esqueleto feminino dun Australopithecus afarensis do Plioceno atopado en Hadar (Etiopía) fai 3,2 millóns de anos e coñecido como “Lucy”.

As ferramentas
O que distingue ao xénero Homo dos homínidos anteriores é a capacidade de fabricar ferramentas a partir de obxectos naturais. Esta é a primeira mostra de adquisición cultural e irá seguida en pouco tempo de todas as demais. A linguaxe e o aumento do tamaño do cerebro evolucionaron conxuntamente, en interacción coa produción de ferramentas. As ferramentas permiten cazar e cortar as presas. A mellora na dieta e o consumo de carne permitiron un maior desenvolvemento cerebral e á súa vez un desenvolvemento tecnolóxico

O resto humano máis antigo que se atopou é o Homo habilis, que apareceu fai 2,5 millóns de anos e viviu en Etiopía, Kenia e Tanzania. As primeiras ferramentas elaboradas por un Homo habilis consistían en cantos rodados que golpeaban co fin de lograr un fío cortante.

Unha vitrina recolle unha serie de ferramentas lexítimas: unifacial, bifacial, trifacial e lascas sen retocar relacionadas cos homínidos que as realizaban. Na sala tamén se pode contemplar un taller auténtico recuperado in situ no noroeste do Sahara, duns 5.000 anos de antigüidade aproximadamente. Nel distínguese unha gran variedade de ferramentas, láminas con dorso, raspadores, denticulados e puntas de frechas de diferentes tipos.

O lume
O control do lume é unha das conquistas culturais máis importantes na evolución humana. As probas máis antigas deste control remóntanse a hai case 500.000 anos. O dominio do lume representou unha auténtica revolución nas comunidades primitivas. Permitiu asar os alimentos, conservalos e mellorar con iso a dieta. Tamén facilitou a conquista de novos territorios e a posibilidade de defenderse dos depredadores. As relacións sociais víronse favorecidas co aumento das horas de luz.

Neste espazo, o visitante atoparase coa reconstrución dun grupo de Homo erectus ao abrigo dunha cova, reunidos ao redor dunha fogueira. Tamén experimentará a sensación de conseguir lume mediante a fricción, como se facía fai 300.000 anos.

Do Homo antecesor ao Homo heidelbergensis
Os primeiros homínidos que dominaron o lume foron, con toda seguridade, o Homo heidelbergensis, en Europa e, posiblemente, o Homo erectus en Asia. O Homo antecesor, que posiblemente chegou nas primeiras migracións que chegaron ao Vello Continente, procedentes de África ou de Asia, é o último antepasado común do home actual e os neandertais. En Atapuerca atopáronse restos de varios individuos desta especie. A capacidade cranial aumenta no Homo ergaster ata os 800-900 centímetros cúbicos, e no Homo antecesor chega a superar os 1.000 centímetros cúbicos.

A autoconciencia
Os primeiros enterramentos humanos infórmannos da aparición dun comportamento simbólico. O home, por primeira vez, ten conciencia da súa propia existencia, experimenta angustia ante a morte e pregúntase polo máis aló. Estas preocupacións socializan de novo os grupos humanos.

Na Sima dos Ósos de Atapuerca tense constancia da práctica funeraria máis antiga. Alí atópase, no fondo dun pozo vertical, unha acumulación de cadáveres de Homo heidelbergensis de fai 500.000 anos. Trátase dun caso único e excepcional no Paleolítico Inferior que contrasta co gran número de enterramentos do Paleolítico Medio, como os de Skhul, Qafzeh e Kebara, en Israel.

Os neandertais enterraban aos seus mortos preto do seu propio hábitat, en tumbas ben visibles e colocándoos en posición fetal. O morto, ademais, recibía un tributo simbólico en forma de ofrenda.

Un módulo cunha escenografía realista recrea o momento da agonía dun neandertal, que é observado por un grupo da súa comunidade. Os rostros destas figuras son unha mestura de compaixón e de medo. Ao fondo óense os lamentos dos seus semellantes. Estes sentimentos son propios do xénero humano e adquirímolos tras millóns de anos de evolución.

Xunto a esta escenografía pódense ver diversos materiais arqueolóxicos pertencentes ao Paleolítico Medio; como a reprodución do enterramento neandertal de La Ferrassie (Francia). Os neandertais constitúen o tipo humano fósil do que dispoñemos dun maior número de restos. De complexión física robusta, extremidades curtas, tronco ancho e cerebro máis voluminoso que o noso, eran hábiles recolectores, cazadores e carroñeiros. Creadores dunha ampla gama de ferramentas, empregaban sistematicamente o lume, coidaban dos seus semellantes e enterrábanos cando morrían.

Os neandertais poboaron Europa durante 200.000 anos, sobreviviron á glaciación e, aínda que gozaron de gran intelixencia, desapareceron fai uns 25.000 anos deixando o campo libre a un recentemente chegado de África: o Homo sapiens. Ambas especies coexistiron durante miles de anos.

Símbolo... o principio do coñecemento abstracto
A aparición da linguaxe simbólica demostra a complexidade da mente humana e a súa capacidade de abstracción. A partir deste primeiro paso, desenvolverase a linguaxe, a arte e a civilización. As obras de arte primitivo tiñan unha función estética, mística e de cohesión social. O Homo sapiens desenvolveu unha gran variedade de formas artísticas, como a pintura nas paredes das covas, o modelado de arxila, a tala e o gravado.

As mostras de arte máis antigas que se coñecen remóntanse a 400.000 anos e atopámolas en Alemaña. Realizadas polo Homo heidelbergensis trátase de ósos de elefante decorados con raias gravadas. A Venus de Berekhat Ram, achada no Próximo Oriente, data de fai 250.000 anos. Estes son dous exemplos puntuais, xa que a gran eclosión do fenómeno artístico deuse no Paleolítico Superior, o que indica a existencia dunha humanidade que xa se organizaba e estruturaba socialmente.

As representacións artísticas que se atoparon nas diversas covas mostran a evolución dos estilos figurativos da arte parietal e a variación das representacións dos obxectos naturais, así como os signos, os animais e a progresiva introdución do movemento, o detalle e o realismo nas súas representacións.

Neste último apartado da mostra recréase unha escea de fai uns 16.000 anos que representa a un Homo sapiens pintando un cabalo ou un bisonte. Para pintar as súas obras, os artistas utilizaban diversos elementos naturais, como o carbón, o óxido de ferro para os vermellos ou a “limonita” para os amarelos. Finalmente, unha vitrina contén réplicas dalgunhas das máis soadas esculturas prehistóricas, símbolos da fertilidade: a Venus, entre elas a de Willendorf, Laussel, Dolni Vestonice. Cada unha está realizada con técnica distinta, en pedra calcaria, baixorrelevo ou pasta cocida, entre outras.

Carpa: Horta do Seminario
Horario: de martes a venres de 12.30 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas. Luns non festivos pechado.
Visitas escolares: cita previa ao teléfono 902 90 66 66
Visitas guiadas: Todos os sábados, domingos e festivos ás 12.00 e 18.00 horas.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova