Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo abre o procedemento de adxudicación do programa Aprende Xogando


# Mércores, 31/03/2010
A Xunta de Goberno aproba as bases para a contratación de persoal no marco do Plan de Inserción Laboral e Emprego

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando.

Segundo explicou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, o deseño do programa deberá promover o desenvolvemento cognitivo, psicomotor, afectivo e social das nenas e nenos nunha contorna lúdica; así como axudar a desenvolver a súa imaxinación e creatividade mediante o xogo. Ademais favorecerá non só o xogo senón a comunicación, o traballo en equipo e o respecto mutuo.

O obxectivo tamén é potenciar a súa integración e a súa contorna familiar, sexa cal sexa a súa condición física ou psíquica. Motivarase as nenas e nenos para a participación na súa comunidade a través de actividades propias.

Os destinatarios deste programa, que se desenvolverá no Centro de Convivencia Maruja Mallo, no Uxío Novoneyra e na nave das asociacións do parque da Milagrosa e, serán rapaces e rapazas de entre 3 a 12 anos.

Haberá 8 monitores e monitoras que realizarán actividades de animación educativas encamiñadas a fomentar a educación non sexista, atención á diversidade, a liberdade, a solidariedade, o pluralismo e a coeducación .

O orzamento máximo para este programa será de 149.679 euros.

Inserción laboral
A Xunta de Goberno aprobou ademais a proposta de bases e proceso selectivo para a contratación de persoal no marco do Plan de Inserción Laboral e Emprego Social (PILES 2010).

O Concello porá en marcha un novo PILES que é unha verdadeira política activa de emprego que ten como obxectivo favorecer o acceso ao emprego de colectivos que sofren unha maior discriminación en relación co mercado de traballo.

Nestas bases, proponse a contratación das seguintes prazas: un encargado de paisaxismo, un xefe de brigada de albanelería e cantería, un coordinador PILES e 27 peóns.

O plan está dirixido a homes e mulleres maiores de 35 anos, inscritos no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego durante máis de 3 meses que realizarán obras de interese e mantemento en espazos públicos en todo o Concello de Lugo. Estas obras serán supervisadas e dirixidas polo persoal de Vías e Obras do Concello.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova