Imprimir

SONIA MÉNDEZ PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DO VI CURSO DE PRIMAVERA DA FACULTADE DE HUMANIDADES


6/4/2010 O curso, que se celebrará do 21 ao 23 de abril, inclúe doce conferencias e diversas actividades culturais

Os influxos e a relación entre Italia e Galicia dende o período clásico ata a actualidade analizaranse na sexta edición do Curso de Primavera da Facultade de Humanidades, que se desenvolverá dende o 21 ao 23 de abril neste centro universitario lugués baixo o título ‘De Roma a Santiago: camiños da historia, legado cultural’.

Coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, este Curso de Primavera coordinado polos profesores Jesús Varela Zapata, da Facultade de Humanidades de Lugo, e María Montes López, profesora da área de italiano da Facultade de Filoloxía de Santiago, abordará temas como o enorme legado romano en terras galegas, especialmente presente na cidade de Lugo, ou diversos aspectos lingüísticos relacionados coa evolución do latín culto e vulgar ata chegar ás actuais formas de galego e castelán, analizando os diferentes factores xeográficos, históricos, artísticos e sociais implicados.

As persoas que desexen participar nestas xornadas poden inscribirse ata o 14 de abril na Facultade de Humanidades ou ata o 16 na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación.

O programa de actividades deste curso presentárono este martes representantes das cinco institucións que conforman o convenio Lugo Cultural, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; e o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez. O acto contou tamén coa presenza do decano da Facultade de Humanidades, Alexandre Veiga; e dos coordinadores do curso.

Todos os asistentes destacaron o carácter científico e interdisciplinar deste curso, que reúne cada ano a prestixiosos estudosos e investigadores de todo o mundo. En edicións anteriores, o Curso de Primavera abordou temáticas como o humanismo, as relacións entre as culturas orientais e occidentais ou os dereitos humanos.

O programa
A sexta edición do Curso de Primavera da Facultade de Humanidades inclúe doce conferencias e varias actividades culturais. O programa de actos comezará ás 11:00 horas do mércores 21 de abril coa sesión inaugural e unha conferencia a cargo do profesor da Universidade Per Stranieri de Perugia sobre ‘Orazio Borgianni e os Condes de Lemos’. A continuación, a profesora da USC Ana Goy Diz analizará a influencia da tratadística italiana na arquitectura da primeira metade do século XVII en Galicia, e dúas profesoras da Universidade de Padua, Gianna Marcato e Mariselda Tessarolo, falarán sobre o plurilingüismo italiano no teatro e a situación das linguas minoritarias dende o punto de vista sociolóxico, respectivamente.

Os catro relatorios previstos para o xoves 22 correrán a cargo de profesores da USC. María Concepción Fernández López impartirá a conferencia ‘De Roma a Lugo; La Vía Cántabra o la fortuna ¿lucense? de Julio César’; Antonio Doval disertará sobre a nova estrutura territorial galega no contexto do Camiño de Santiago; Carlos Baliñas repasará o percorrido dende a Gallaecia Romana ata a Galicia altomedieval; e Xaquín Rodríguez fará unha análise antropolóxica sobre a peregrinación medieval a Compostela.

O venres 23, último día do curso, os profesores da USC Beatriz Fernández e Luis Miguel Fernández ofrecerán cadanseu relatorio baixo o título ‘Todos os camiños conducen a Roma. Diego Durán e o pasado cristián dos aztecas’ e ‘A pegada do cine e a televisión italianos na cultura e literatura españolas. Tres secuencias e un prólogo’. A continuación, os asistentes ao curso farán unha visita ao Museo Provincial para achegarse de primeira man ao legado romano na provincia así como aos influxos italianos na arte galega.

O encontro rematará cunha conferencia sobre a incidencia italiana na literatura inglesa isabelina, a cargo do profesor da USC Luis Rodríguez Lorasque, e unha análise do cine de autor italiano, da man do profesor Albert Sabragia, da Universidade de Washington.