Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA OS ACTOS DE CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO


7/4/2010 Exposicións, eventos deportivos e a cerimonia do río forman parte do programa

Mañá, xoves 8 de abril, celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Pobo Xitano. Esta data, institucionalizada xunto á bandeira e o himno xitanos no Primeiro Congreso Mundial Roma/Xitano celebrado en Londres en 1971, está tendo nos últimos anos unha importante difusión. Como en anos anteriores, a Fundación Secretariado Xitano editou tamén este ano un cartel conmemorativo e desde as sedes territoriais programáronse numerosas actividades culturais e lúdicas.

Os actos no Concello de Lugo, foron presentados pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, Ruth León Gabarri, da Asociación de Promoción e Integración Xitana, e Irene Jiménez, da Fundación Secretariado Xitano.

O 8 de abril, miles de xitanos reúnense nas beiras dos ríos de todo o mundo para lanzar á auga flores e velas en lembranza dos seus antepasados, dos que abandonaron a India buscando un futuro mellor e de aqueles que tiveron que sufrir nas súas propias carnes o odio e os ataques por motivos étnicos.

A Concelleira explicou que “é importante celebrar esta festa para acadar unha verdadeira integración, así como coñecer a súa cultura e recordar que son un pobo cos mesmos dereitos que o resto de cidadáns”, e engadiu “que a xente entenda que as persoas de etnia xitana son iguais que o resto”.

Ruth León, explicou que “a celebración deste día é unha importante ocasión xa que por quinto ano consecutivo todos os membros da comunidade xitana de Lugo estaremos unidos” e afirmou que se trata dunha chamada de atención á discriminación que o seu pobo aínda está a sufrir.

Os actos de celebración comezaron xa a principios de mes con dúas exposicións: unha na Escola Superior de Maxisterio sobre os 25 anos de promoción en integración xitana, e outra na biblioteca Intercentros da USC sobre Campañas de sensibilización da Fundación Secretariado Xitano.

Mañá xoves, a música será a protagonista. Ás sete da tarde en Radio Clavi (103.0) haberá un programa sobre Bulos y bulerías, e ás 20.30 no Pub Doble Moral terá lugar unha Noite flamenca.

O deporte tamén realizará a súa particular homenaxe a esta celebración: o sábado 17 de abril no Centro Deportivo Terra haberá un partido amistoso entre a Asociación Xitana e o Azkar Lugo.

Ese mesmo día, na Área recreativa de Santa Isabel (Outeiro de Rei) a partir das 12.00 horas terá lugar a cerimonia do río. Nesta celebración terá lugar o acto floral, a lectura dun manifesto, xogos populares, unha comida e máis actividades.

http://www.gitanos.org