Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo primará na concesión de subvencións ás entidades que promovan a paridade


# Venres, 09/04/2010
Así se acordou hoxe no Foro de Igualdade presidido por Carmen Basadre

Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presidiu esta mañá o Foro de Igualdade no que avaliaron as iniciativas promovidas polo Concello e asociacións no último trimestre.

A Concelleira indicou que se decidiu modificar as bases das subvencións concedidas polo Concello e favorecer ás entidades que promovan a paridade, tanto nas súas estruturas como nos órganos de dirección e xuntas directivas. Así explicou que as xuntas directivas das asociacións que conten co mesmo número de homes e mulleres obterán 2 puntos, se menos da metade dos directivos son mulleres contarán cun punto e se non hai mulleres a puntuación será de cero.

Ademais, Basadre afirmou que o servizo de Participación Cidadá estivo a revisar todos os documentos que saen do Concello para que estean redactados con linguaxe non sexista e modificáronse xa máis de 150 documentos de todas as Concellerías.

No foro realizouse tamén un balance sobre as actividades formativas que se estiveron levando a cabo nos últimos meses. Así, explicou que traballadoras e traballadores das diferentes Concellerías e das empresas que teñen contratos coa administración local estivéronse a formar en materia de violencia de xénero, axudas e subvencións a mulleres.

Próximas actuacións
Para o vindeiro trimestre o Foro de Igualdade do Concello acordou dirixirse ás asociacións deportivas e federacións para que revisen os seus estatutos e evitar que conteñan cláusulas sexistas, “adaptándose así á realidade que vivimos”, indicou Basadre.

No ámbito deportivo a Concelleira anunciou, ademais, que no mes de setembro levaranse a cabo unha serie de actos para fomentar a presenza das mulleres no deporte atendendo, sobre todo, ás mulleres con algunha discapacidade.

Realizaranse tamén unha serie de actividades formativas en materia de violencia de xénero e corresponsabilidade dirixidas aos homes. A Concelleira explicou que “para levar a cabo esta iniciativa contaremos coa colaboración da Asociación Homes pola Igualdade de Vigo”.

O Concello editará unha guía con material didáctico sobre a prevención e o recoñecemento da violencia de xénero dirixida principalmente á xuventude lucense. O obxectivo é que os mozos e mozas aprendan a distinguir a violencia machista para tratar de evitala no futuro.

Tamén se traballará no ámbito familiar. Para isto, a Concelleira anunciou que se levarán a cabo unha serie de sesións de contacontos nas salas de lectura do Centro de Convivencia Maruja Mallo e do Centro de Convivencia de Fingoi. Nestas sesións preténdese analizar cos pais e nais e cos fillos e fillas os estereotipos de xénero dos contos infantís.

Debate
Na xuntanza celebrada hoxe, segundo indicou a Concelleira, produciuse un importante debate sobre a decisión do Goberno da Xunta da eliminación do Servizo Galego de Igualdade. O Foro do Concello celebrará unha nova xuntanza o día 3 de maio para tomar unha decisión e enviar á Xunta a súa postura sobre a desaparición “deste organismo de apoio, de estudo, de axudas e sen ideoloxía política”.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova