Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo. XXXVIII Semana do Corpus comeza o vindeiro sábado 17 de abril


# Domingo, 11/04/2010
Ata o 1 de xuño haberá 21 concertos que encherán a cidade de música

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A próxima semana, o sábado 17 de abril, comeza a trixésimo oitava edición do decano dos festivais galegos de música clásica: o Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) que está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo.

Durante mes e medio, ata o 1 de xuño, encherá de música a cidade cos vinteún concertos marcados pola súa calidade e a variedade. Terán como escenario diferentes lugares como o Círculo das Artes, o Conservatorio de Música, a Igrexa de San Pedro e a sede de Fundación Caixa Galicia.

Chopin, Schumann ou Pergolesi son algúns dos máis senlleiros compositores cuxas efemérides o mundo musical celebrará ao longo deste ano 2010 e aos que o festival prestará unha especial atención.

Precisamente o Festival de Música Cidade de Lugo arranca cun concerto no Círculo das Artes dedicado a Pergolesi e os seus contemporáneos protagonizado polo prestixioso grupo italiano La Risonanza e o seu director Fabio Bonizzoni, que regresan á cidade tralo éxito acadado o pasado ano co oratorio de Haendel Il trionfo del Tempo e del Disinganno. Este concerto inaugural tamén suporá o debut na cidade da magnífica mezzosoprano italiana Romina Basso para cantar un programa conformado por obras de Antonio Caldara, Giovanni Battista Bononcini, Francesco Durante, Domenico Scarlatti e Giovanni Battista Pergolesi.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local.

O festival presentará, ademais, unha programación de alta calidade e interese. De gran acontecemento debe calificarse tamén a presentación no festival da mezzosoprano sueca Ann Hallenberg, do director norteamericano (italiano de adopción) Alan Curtis e da súa orquestra Il Complesso Barocco, para interpretar unha coidada, fermosísima e esixente selección de arias de ópera de Haendel nun concerto organizado en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O interese da ampla oferta lírica do festival está garantida pola calidade e reputación dos cantantes e a salientable variedade dos programas que inclúen ópera, música antiga, lied e canción, música sacra, musical, etc.


Nas últimas tres edicións do festival deseñouse o “Corpus dos nenos”, un ciclo de tres concertos familiares que se celebrarán os sábados no Círculo das Artes. Títeres e música únense nos espectáculos titulados Hansel e Gretel (a cargo do quinteto de ventos Pentafonía e da compañía Seisdedos) e A caixa de música (Viravolta títeres). Co concerto Kashmir rumbo a Lugo, a agrupación Evo propón a historia dun rapaz que viaxa nun baúl cheo de instrumentos musicais, das máis variadas procedencias, que presentará aos asistentes. A organización é consciente da utilidade e necesidade da presenza da música na súa formación, polo que hai que facilitar a accesibilidade dos nenos á música, que sen dúbida debe constituír un piar fundamental do seu futuro, da súa felicidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova