Imprimir

A REDE DE CIDADES CATEDRALICIAS, DA QUE FORMA PARTE LUGO, ASPIRA A CONSTITUÍRSE EN CLUB DE PRODUTOS TURÍSTICOS


10/4/2010 O Alcade fará xestións coa FEMP

O Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, fará xestións coa Federación Española de Municipios e Provincias para que a Rede de Cidades Catedralicias poida constituírse como Club de produtos turísticos. Esta iniciativa permitiría facer un plan turístico das 19 cidades que actualmente forman parte da Rede. Segundo informou o alcalde, para formar parte destes programas de Turespaña é necesario negociar coas 11 Comunidades autónomas ás que pertencen as cidades que forman parte da Rede polo que se pretende que a Femp actúe de intermediaria. O presidente da Rede será o encargado de levar esa negociación e o alcalde de Lugo quedou encargado de axilizar o máis posible eses contactos.

López Orozco informou esta mañá dos asuntos tratados na Asemblea anual da Rede de Cidades Catedralicias que ven de celebrarse en Badaxoz. Tres cidades teñen pedida a súa inclusión nesta rede. Trátase de Oviedo, Tui e Guadix.

Ademais, o presidente da entidade, que este ano é o alcalde de Badaxoz, quedou encargado de establecer contacto coas cidades portuguesas con catedrais para ver de constituír unha Federación Ibérica de Cidades Catedralicias. E tamén se aprobou a utilización dos idiomas portugués e francés na web da Rede www.ciudadescatedralicias.org que actualmente se publica en español e inglés. No primeiro trimestre deste ano a web recibiu 5.200 visitas.