Imprimir

O SERVIZO DE INFORMACIÓN 010 DO CONCELLO DE LUGO ATENDEU MÁIS DE 303.000 CHAMADAS DESDE QUE COMEZOU A FUNCIONAR NO 2005


12/4/2010 As grandes cidades galegas realizarán en Lugo unha xuntanza para analizar e superar as dificultades de implantación da Administración Electrónica

O Servizo de Información 010 do Concello de Lugo comezou a súa andadura o 17 de marzo de 2005, trátase dun servizo de atención telefónica que achega a administración aos cidadáns.

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, fixo hoxe balance deste servizo que atendeu máis de 303.000 chamadas desde que comezou a funcionar. Zarzuela explicou que o ano pasado xestionáronse 74.345 chamadas , polo que practicamente todos os cidadáns lucenses utilizaron este servizo no 2009. “Ano a ano as chamadas recibidas a través do Servizo de Información 010 increméntanse, se comparamos o ano 2006 co 2009 as chamadas incrementáronse nun 77%”, indicou.

Segundo os datos rexistrados no servizo municipal recíbense unha media diaria de 300 chamadas. O día con máis chamadas do 2009 foi o 22 de xuño con 548 chamadas, a maioría con consultas sobre o Arde Lucus.

O 010 engloba, ademais do telefónico, o servizo de correo electrónico e de envío de mensaxes. “Trátase dun sistema moi útil, non só para a cidadanía, senón para os funcionarios municipais e doutras administracións”.

Presta servizo en horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 e os sábados de 09:00 a 14:00 horas cunha de catro teleoperadoras. “A partir desa hora comeza a funcionar o servizo de contestador automatizado para o servizo de policía e de emerxencias, no que se poden deixar, ademais, mensaxes gravados que se contestan ao día seguinte”, explicou.

Segundo o tipo de chamadas, o 16% foron avisos, o 47% consultas sobre información municipal, 6% sobre xestión de trámites e o 31% sobre información extramunicipal.

Os correos electrónicos recibidos no 2009 foron un total de 1.816, o que supuxo un incremento do 75% desde que comezou a funcionar o servizo, segundo explicou a Concelleira.

En canto aos usuarios do servizo de información a través de mensaxería móbil o número de inscritos é de 1.450. Desde o ano pasado este servizo realízase tamén a través de correo electrónico para continuar co plan de aforro en telefonía do Concello. O servizo conta con 2.570 inscritos o que permitiu un aforro do 25% no gasto de mensaxería.

TECNIMAP
A Concelleira de Servizos Xerais fixo tamén balance da súa visita a pasada semana á Feira de Tecnoloxía TECNIMAP, organizada polo Ministerio de Administracións Públicas e celebrada en Zaragoza. O obxectivo desta visita foi coñecer as novidades na implantación das novas tecnoloxías nas administracións públicas.

Zarzuela explicou que nesta feira estiveron presentes practicamente todas as grandes cidades galegas, que acordaron realizar unha serie de encontros para analizar e superar as dificultades á hora de aplicar a Lei 11/2007. O obxectivo será estar en contacto permanente para buscar solucións conxuntamente e optimizar recursos en relación coa implantación da administración electrónica, que supón un cambio radical no funcionamento e na forma de facer que as administracións públicas sexan máis eficientes e eficaces cara o cidadán.

A primeira destas xuntanzas, segundo indicou Zarzuela, terá lugar en Lugo antes do verán, e “nelas pediremos á Xunta que se involucre máis do que ata o de agora ten feito neste senso”.

Teléfono do Concello: 010