Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Cumio de Lugo sobre drogas reunirá na nosa cidade a 250 autoridades en representación de corenta países


# Xoves, 15/04/2010


Imaxe Asociada

Máis de 250 autoridades de Europa, América Latina e o Caribe participarán no Cumio de Alcaldes, Alcaldesas e Cidades sobre drogas que se vai celebrar en Lugo do 21 ó 23 de abril.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco; a Concelleira de Benestar, Carmen Basadre; o presidente da Deputación provincial, Xosé Ramón Besteiro, e o xerente da CICAD Antonio Lomba, informaron esta mañá en rolda de prensa dos últimos detalles relativos á organización do Cumio.

O Alcalde amosou a súa esperanza en que o Cumio de Lugo remate cun comunicado conxunto que reflicta a unión de Latinoamérica e Europa na loita contra a droga. E salientou que “é necesario que os que están ó outro lado nos vexan traballando en rede , que cada día teñan máis claro que enfronte teñen unha rede formada por autoridades e familias”. Ademais, o Alcalde salientou a proxección que vai ter a cidade durante a celebración do cumio, que terá repercusións tamén económicas pola ocupación que haberá nos hoteis de Lugo durante eses días.

O presidente da Deputación , Xosé Ramón Besteiro, indicou a importancia de que Lugo sexa sede dun cumio internacional no que participarán, ademais de alcaldes, membros da xudicatura, formadores e das forzas de seguridade.

Antonio Lomba, xerente do CICAD explicou que no cumio haberá presencia de varios organismos internacionais como a OEA e o Banco interamericano de Desenvolvemento e que virán a Lugo representantes de 40 países.

Os asistentes ó Cumio, entre os que haberá arredor de 25 alcaldes, chegarán a Lugo o día 20. O Concello daralles a benvida nunha recepción que terá lugar ás nove da noite no Círculo das Artes. O encontro, que se vai desenvolver no Pazo de Feiras e Congresos, será inaugurado o día 21. No acto de apertura, ademais do Alcalde de Lugo participarán o Embaixador en Misión especial para Coordinación de Asuntos Iberoamericanos Ricardo Peidró, en representación da Presidencia española da Unión Europea; o Secretario de Seguridade Multidimensional da Organización dos Estados Americanos, Alexandre Addor-Neto; o representante do Banco Interamericano de Desenvolvemento, Gustavo Béliz; Carmen Moya, da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas; o Secretario Xeral Adxunto da Dirección de Desenvolvemento Humano e Social, o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro e o presidente da Deputación provincial, Xosé Ramón Besteiro, e o Presidente da Femp, Pedro Crespo.

Na primeira xornada está programada unha conferencia maxistral sobre Políticas baseadas en evidencia científica, que será moderada pola Intendenta da Cidade de Montevideo e da que será ponente o Presidente do Instituto de Drogas e Toxicodependencias de Portugal. Despois intervirá o Fiscal Xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza, na conferencia maxistral “As drogas baixo o enfoque da seguridade cidadá”.

Para a tarde están previstas varias sesións simultáneas que tratarán temas como “O papel dos gobernos locais na prevención do consumo do alcohol e outras drogas”, que contará coa participación do Alcalde de Lugo, o Intendente de S. Miguel de Tucumán (Arxentina), o Alcalde de Peñalolén (Chile) e o Alcalde de Carabaña que tamén é vocal da FEMP.

O Fiscal antidrogas de Galicia e o Fiscal Xefe do Estado de Río de Xaneiro participarán noutra sobre “A resposta dos servizos de saúde ó tratamento para infractores dependentes de drogas”. Outra das sesións tratará sobre “O tratamento por dependencia de drogas en prisións” e contará coa participación da Alcaldesa de Xixón e o Director da Autoridade de seguimento e prisións de Goteborg (Suecia).

A organización do Cumio conta cunha páxina web www.cumbrelugo.org na que se informa de todo o relacionado con este Encontro internacional.

www.cumbrelugo.org

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova