Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo fomenta a seguridade viaria entre os cativos e cativas cun certame de debuxo


# Venres, 16/04/2010
A Concelleira de Educación e outras autoridades presentaron a IX edición do concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro presentou a IX edición do concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo destinado a todos os escolares e a estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia. Na presentación estiveron presentes representantes das institucións colaboradoras: o Xefe Provincial de Tráfico, Gonzalo de León, e o responsable do Parque Infantil de Tráfico do Concello de Lugo, José Reigosa.

Esta iniciativa municipal está orientada a fomentar unha boa educación viaria entre os nenos e os mozos galegos e convídaos a reflexionar sobre este tema a través dun exercicio de creatividade. O Concello de Lugo quere concienciar e previr dende a infancia para sensibilizar aos cidadáns sobre as boas prácticas viarias.

A Concelleira explicou que “o obxectivo é concienciar aos rapaces e rapazas de Lugo de que a educación vial debe ser algo prioritario dentro da súa vida e non algo meramente transversal da súa educación”.

O compromiso do Concello coa Educación Viaria plásmase no programa que se desenvolve ao longo do curso escolar a través de varias actividades para mozos e mozas que se celebran no Parque Infantil de Tráfico e nos colexios.

Nas pasadas edicións deste concurso acadouse un éxito de participación, e ano tras ano aumenta o número de colexios que dende toda Galicia mandan traballos.

As bases establecen cinco categorías de participación que comprenden idades de 3 a 17 anos:
Categoría A: para 1º, 2º e 3º de primaria;
Categoría B: para 4º, 5º e 6º de primaria;
Categoría C: para 1º, 2º e 3º de secundaria;
Categoría D: para 4º de secundaria, 1º e 2º de bacharel;
Categoría E: para Educación Especial

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 7 de maio e pódense presentar nas oficinas de Rexistro Xeral do Concello ou na Xefatura Provincial de Tráfico.

Os galardóns do concurso entregaranse o día 29 de maio nun acto encadrado dentro do programa da Festa da Seguridade Viaria. O concurso establece tres premios para cada categoría e consisten en ordenadores portátiles, bicicletas e cascos, minicadeas musicais ou trofeos segundo a categoría.

Parque Infantil de Tráfico (PIT)

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova