Imprimir

A MÚSICA DE CÁMARA E O PIANO SERÁN OS PROTAGONISTAS DA SEGUNDA SEMANA DO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO


19/4/2010 As citas musicais terán lugar o luns 19 na Fundación Caixa Galicia e o xoves 22 de abril no Conservatorio Profesional de Música

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus organizado polo Concello de Lugo continúa esta semana con dous concertos de alta calidade.

O primeiro deles estará dedicado á música de cámara e reunirá a un cuarteto de óboe, violín, viola e violoncello formado por Esther Viúdez, Irina Gruia, Anne Schlossmacher e Thomas Piel, todos músicos de gran experiencia e moi diversas procedencias (Rumanía, Alemaña, Bilbao) que teñen en común o feito de ser membros da orquestra compostelá Real Filharmonía de Galicia.

O variado programa deste concerto, a cabalo entre o Clasicismo e o Século XX, inclúe obras de Mozart, de compositores emblemáticos do século XX (o inglés Benjamin Britten e o dodecafonista austríaco Anton Webern), aos que se suma o menos coñecido compositor húngaro Ernst von Dohnanyi coa súa Serenata para trío de cordas. A cita é esta tarde na Fundación Caixa Galicia ás 20:30 horas.

Nas catro últimas edicións, o piano converteuse, coa presencia de recoñecidos e celebrados artistas como Nicolai Lugansky, Paul Lewis, Joanna McGregor ou Artur Pizarro, nunha das apostas máis sólidas dun festival que este ano presenta ao pianista italiano Andrea Lucchesini.

O programa seleccionado para o seu concerto, do xoves 22 de abril ás 20:30 horas, comeza botando unha ollada ao Barroco con catro sonatas do compositor italiano Domenico Scarlatti, antes de introducirse plenamente no romanticismo xermano cunha coidada selección de senlleiras obras de tres dos máis destacados mestres destes período transcendental para o piano. Así, Lucchesini interpretará composicións de Schubert, Brahms e Schumann.

Andrea Lucchesini, primeiro italiano que gañou o prestixioso Concurso Internacional de Piano Dino Ciani, é un pianista que con 45 anos se atopa nun momento de gran madurez artística que está a desenvolver unha interesantísima e intensa carreira. Como solista é invitado habitualmente ás máis prestixiosas salas de concerto do mundo a tocar con orquestras da categoría da Filharmónica de Berlín, o Concertgebouw de Ámsterdam, a Filharmónica de Munich, a Sinfónica de Viena ou a Filharmónica de Londres, e directores da fama de Abbado, Bychkov, Chailly, Russell Davies, Gelmetti, Harding, Rizzi, Sinopoli, etc.

Como é habitual no festival, a entrada para ambos concertos será gratuíta ata completar o aforo da salas.