Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e a Directora de Cidadanía no Exterior clausuraron un curso de hostalería para descendentes de galegos


# Luns, 19/04/2010


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a directora xeral de Ciudadanía Española en el Exterior do Goberno central, a luguesa Pilar Pin, clausuraron o curso de formación de axudante de cociña impartido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo a 14 mozos descendentes de galegos procedentes de Arxentina e Uruguai. No acto tamén participaron o Concelleiro José Manuel Díaz Grandío no que foi o seu primeiro acto como responsable de Turismo, Cultura e Deportes, o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo, José Carlos Rodríguez Andina.

Pilar Pin expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste tipo de iniciativas, que favorecen a inserción laboral dos españois residentes no exterior. No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Xosé López Orozco, que se congratulou de que a cidade acolla cursos coma este. Lugo é un dos poucos lugares de España onde se celebraron este ano.

O curso forma parte das iniciativas de formación para o emprego que desenvolve o Programa de Jóvenes financiado pola Dirección General de Ciudadanía Española en el Exterior. Desenvolveuse ao longo de 450 horas, das que 350 foron de formación teórica e outras 100, prácticas de traballo en establecementos de hostalería da provincia de Lugo. O curso deu comezo o 1 de febreiro e remata o 22 de abril.

Este é o segundo curso destas características que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. O do ano pasado, orientado á formación de camareiros, tivo unha participación similar e permitiu que o 80% dos alumnos atopara un emprego en España. José Francisco Real, presidente de APEHL, destacou isto como exemplo do proveito que se pode sacar destas iniciativas.

Os alumnos fixeron as súas prácticas no Restaurante Mencía Mencía, Restaurante España, Gran Hotel Lugo, Mesón de Alberto, Aromas de Dakar, Restaurante Manuel Manuel, Balneario de Lugo, Tempo Restaurante, Restaurante Paprica, Restaurante Porta Santiago, Restaurante O Figón e Taberna del España.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova