Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello adxudica provisionalmente a construción da nova biblioteca da Piringalla


# Mércores, 21/04/2010
A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación da instalación do sistema de asistencia á explotación dos buses urbanos

Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou que Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou a adxudicación provisional das obras de construción dun edificio destinado a biblioteca no barrio da Piringalla á empresa Antalsis SL por un importe total de 1.030.123 euros, e cunha mellora en obra de 177.156 euros.

A nova biblioteca estará ubicada entre a Rúa Vazquez Queipo e Rúa das Fontes (na Unidade de actuación N-13) e o prazo de execución do proxecto elaborado por Gau, Arquitectura e Urbanismo, SLP é de 12 meses, ainda que a empresa adxudicataria prevé baixar ese período de execución.

Segundo explicou a Concelleira, esta nova dotación dará servizo a máis de 20.000 usuarios potenciais que poderán facer uso dos diferentes servizos. A biblioteca pretende ser unha referencia da zona norte da cidade, aberta a todas as idades, de punto de encontro coa palabra escrita, faro de cultura no barrio.

Esta nova biblioteca é unha mostra máis da aposta do Goberno Local polos barrios da cidade e da mellora que se está a realizar na zona norte. Coa súa chegada ao Concello o Alcalde marcouse como obxectivo desenvolver o norte de Lugo, e en colaboración con diferentes promotores privados, desenvolvéronse diferentes unidades de actuación que dotaron á zona de novas zonas verdes, espazos viarios e espazos dotacionais como a parcela na que se ubicará a biblioteca.

O obxectivo do equipo de Goberno é que os veciños, independentemente de onde vivan, vivan en igualdade de dereitos e de deberes.

Melloras no transporte Urbano
A Xunta de Goberno aprobou tamén a proposta de adxudicación provisional á mercantil Electronic Trafic SA da subministración e instalación dun sistema de axuda á explotación do transporte público urbano de Lugo incluído dentro do Proxecto Europeo Plan Urban.

O importe desta instalación será de 227.138 euros e cun prazo máximo de execución de 8 meses.

A intención é que este sistema permita mellorar a calidade do servizo. Este proxecto, inclúe a instalación dun porto de control e sistema de comunicacións que permitirá controlar ata 500 autobuses e 200 postos de información. Ademais, instalarase un sistema de información en 11 paradas de autobús:

- Nº 2 de Montero Ríos
- Nº 25 da Ronda da Muralla
- Nº 58 da Ronda da Muralla
- Nº 70 da Ronda da Muralla
- Nº 118 da Ronda da Muralla
- Nº 140 da Ronda da Muralla
- Nº 163-164 da Ronda da Muralla
- Na rúa Ángel López Pérez
- Nº 2 da Avenida da Coruña
- Nº 131 da Avenida da Coruña
- Na Avenida Carvallo Calero (ao carón da facultade de Veterinaria)

Así mesmo, o sistema de información será instalado en 20 autobuses do Servizo Municipal de Transportes.

Servizos Sociais
Nesta Xunta de Goberno aprobouse, segundo explicou a Concelleira, a contratación definitiva do servizo público municipal do Centro de Día “Novo Antonio Gandoy”, coa empresa Alalás SL. por un importe total de 392.790 euros anuais.

O servizo prestarase todos os días da semana excepto festivos co seguinte horario: de luns a sábado de 8.30 a 20.30 horas e os domingos de 11.00 a 18.00 horas. A Concelleira explicou que “esta contratación é unha mostra máis do incremento das políticas sociais do Concello, xa que o centro conta hoxe con 20 usuarios, pero coa nova proposta serán un total de 50 os beneficiarios”.

Desbroces
Por outra banda, o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, indicou que a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación provisional da contratación do servizo de roza de pistas en diversas parroquias do termo municipal á empresa José Fernández Cabado por un prezo de 58.970 euros.

Realizaranse desbroces en pistas nas parroquias de Calde, Piugos, Torible, Adai, Coeses, Saa, Monte de Meda, Lamas, Fixós, Meilán, Pías, Benade, Rubiás, Castelo, San Salvador de Outeiro, Ombreiro e Cuiña.Esto supón que se actuará por ambas marxes nuns 233 quilómetros.

O prazo para levar a cabo estes traballos é dun mes e 20 días.

O adxudicatario, ademais, presentou as seguintes melloras: ampliación de 2 quilómetros nas pistas a desbrozar e posta a disposición de 3 tractores para a realización dos traballos.


Resposta ao PP
Doutra banda, o Concelleiro aproveitou a súa comparecencia ante os medios de comunicación para contestar ás críticas verquidas polo voceiro do Grupo Municipal do PP sobre as obras de rexeneración de zona verde pública para adaptala a uso lúdico, ornamental e paisaxístico na rúa Miguel de Cervantes.

O Concelleiro afirmou que “as palabras de Castiñeira son unhas graves acusacións contra este equipo de Goberno e a este Concelleiro en particular”. “Penso que en política, non vale todo, hai que estar seguro do que se dice, non se pode estar levantando calumnias de maneira continuada, e atentando contra a honorabilidade das persoas de maneira gratuíta”.

Dopeso indicou que as declaracións do popular falando de “gravísima irregularidade do Goberno Local” e “que é un auténtico escándalo, pese a estar pagada a obra ao 100%, o único que se fixo foi un muro de contención quedando un 30% sen facer”, son totalmente falsas xa que o voceiro do PP “non está ben informado, non leu o proxecto, non leu o expediente”.

O Concelleiro explicou que “o obxectivo do proxecto consiste en definir e valorar todas as instalacións e construcións necesarias para realizar o muro de contención e zapata do mesmo; é dicir, comprende o deseño e cálculo do muro de contención de terras, tamén se contemplará o movemento de terras”.

Polo tanto, o Concelleiro concluíu que “a obra, repito, era para facer o muro, nada máis”, aínda que anunciou que a intención do Goberno Local “é facer unha zona lúdica alí de xogos infantís ou biosaudable pero eso será nunha segunda fase, agora do que se trataba era de solucionar un problema”. “O demais non estaba no proxecto, nin figura nos documentos por ningún lado, así que lembro ao Señor Castiñeira que hai que ler os proxectos e os expedientes, e unha vez lidos, si se ve algo mal, está no seu dereito a dicir o que queira, pero non é de dereito nin de persoa honorable dicir o que non é certo”.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova