Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza unha nova semana do Festival de Música cidade de Lugo cun novo concerto do ciclo de Britten e a actuación de Ann Hallenberg


# Domingo, 25/04/2010
As citas musicais terán lugar o martes 26 no Conservatorio e o venres 30 no Círculo das Artes ás 20.30 horas

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus contará esta semana con dúas citas de alto nivel.

No que ao lied e á canción se refire, o festival continúa adiante co proxecto iniciado hai dous anos sobre os ciclos de cancións do compositor inglés Benjamin Britten, que conta coa enriquecedora e xenerosa colaboración dun reputado especialista, o prestixioso pianista inglés Roger Vignoles.

Tras os concertos dos tenores Mark Padmore (2008) e Andrew Kennedy (2009), este ano tócalle a vez a outro cantante inglés, o barítono Ronan Collett, que interpretará entre outras obras o ciclo Tit for tat de Britten nun interesante programa que completan outras cancións do autor británico, do francés Francis Poulenc e do norteamericano Charles Ives. Formado en Cambridge, Ronan Collett xa se fixo un nome e reputación no seu país e ten actuado en afamados escenarios como o Wigmore Hall londinense, a Philharmonie de Berlín, o Auditorio do Louvre de París, no Festival de Edimburgo, Múnic, Tokio, etc. A cita será o martes 27 de abril ás 20.30 horas no auditorio do Conservatorio Profesional de Música.

De gran acontecemento debe cualificarse tamén a presentación en Lugo da mezzosoprano sueca Ann Hallenberg, do director norteamericano (italiano de adopción) Alan Curtis e da súa orquestra Il Complesso Barocco, para interpretar unha coidada, fermosísima e esixente selección de arias de ópera de Haendel.

Ann Hallenberg é sen dúbida unha das cantantes máis en forma hoxe en día, unha cantante dunha impresionante sensibilidade e cualidade vocal; o concerto supón unha magnífica oportunidade de escoitar a unha artista no seu mellor momento de madurez artística e condicións vocais. Hallenberg e Curtis seleccionaron algunhas das máis fermosas arias de óperas de Haendel (Amadigi, Agrippina, Alcina, Serse, Ariodante, etc.).

Ann Hallenberg ten actuado nos máis importantes teatros de ópera (Scala de Milán, París, Zúric, Berlín, Viena, Venecia, Londres, Salzburgo, etc.) dirixida polos máis prestixiosos directores (Muti, Rousset, Minkowski, Sardelli, Spinosi, Bolton, Christie, etc.) e ten un amplísimo repertorio, aínda que é recoñecida como unha gran especialista na ópera barroca e, sobre todo, en Haendel (o autor das óperas deste concerto). Alan Curtis foi un dos primeiros representantes da corrente historicista de recuperación da música barroca e é considerado un dos grandes especialistas desta corrente. Coa súa orquestra Il Complesso Barocco leva vinte anos de fructífera e aplaudida carreira por todo o mundo. A concerto está organizado en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A cita é no Círculo das Artes o venres 30 de abril ás 20:30.

Como é habitual no festival, a entrada para ambos concertos será gratuíta ata completar o aforo da salas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova