Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Plan Urban do Concello de Lugo ten xa en marcha actuacións por un importe de oito millóns de euros


# Venres, 23/04/2010
Goberno local proporá no vindeiro Pleno un incremento de 174.000 euros no capítulo de subvencións financiado con remanentes do exercicio anterior

Imaxe Asociada

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, informou sobre os asuntos tratados na Comisión de Contas celebrada esta mañá.

Como cada dous meses informouse sobre o estado de execución do Proxecto Urban que conta cun 70% de cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER).

A Concelleira indicou que neste momento están en execución actuacións por un total de 8.000.000 euros:

- A rehabilitación do vello cárcere
- A peonalización de San Marcos
- Rehabilitación da Praza do Cantiño
- Recuperación da piscina romana da Praza de Santa María
- A instalación do sistema SAE na rede de autobuses municipais
- A instalación de contedores soterrados
- A canalización para o soterramento de cableado: na Rúa Nova, San Marcos e Cantiño.

En canto as subvencións ao Comercio, a Concelleira indicou que neste primeiro trimestre do ano 2010 foron informadas xa 81 empresas, tiveron unha cita con técnicos 39 e houbo 10 solicitudes de axudas nesta primeira fase das que se concederon oito por un importe de 13.000 euros.

Por outra parte, deuse conta das actuacións que están previstas acometer neste ano e que se inclúen nos orzamentos de 2010: axudas para a creación de novas empresas, instalación de información de interese nos monumentos e portas da Muralla, e a adquisición dun edificio para destinalo a novas tecnoloxías, por un importe de 500.000 euros. “Estas son as novas actuacións que en breve o Plan Urban comezará a tramitar”.

En resposta a unha pregunta do Grupo Municipal do BNG, a Concelleira indicou que para dinamizar a praza de Abastos do Concello de Lugo, desenvolveranse desde o Plan Urban diferentes actuacións.

En primeiro lugar, estase a traballar coa Deputación de Lugo no marco do programa LugO2 para a promoción de produtos autóctonos e se levarán a cabo cos comerciantes da Praza campañas de difusión, promoción e posta en valor dos produtos autóctonos. Unha das actuacións neste sentido, segundo explicou Méndez, será a través dun curso de madeira para desempregados na zona Urban (que realizarán prácticas remuneradas na recuperación do vello cárcere), deseñarán e realizarán embases de calidade para mellorar a imaxe dos produtos autóctonos de Lugo.

Ademais, traballarase cos comerciantes para a implantación do comercio electrónico na Praza de Abastos e promoverase a ocupación dos locais sen uso para a creación de novas empresas.

Subvencións
A Comisión de Contas ditaminou favorablemente a proposta do equipo de Goberno do Concello de Lugo para levar ao Pleno un incremento de 174.000 no capítulo de subvencións de 2010, financiados con remanentes do ano 2009 e que dan cumprimento a compromisos do Concello.

Este incremento daría cobertura a novas subvencións destinadas a:

- Muller: destinados a clubs deportivos femininos, cunha redistribución que conleva 1.000 euros máis.

- Cultura: a Lugopress polo documental Araceli a galega que derrotou a Hitler (6.000 euros), ao Círculo das Artes para o torneo de xadrez (4.000 euros), á Federación Galega de Comercio para iluminación navideña (35.000 euros).

- Promoción económica: á USC 54.000 euros, á Fundación do Pazo de Feiras e Congresos 15.000 euros.

- Zona rural: seis novas asociacións recibirán axudas para obras en locais sociais incrementando as axudas actuais nun importe total de 48.000 euros

- Vías públicas: para o premio Lugo ponte bonito a unha comunidade de propietarios de Lamas de Prado que realizou melloras no xardín da súa propiedade por 12.000 euros.

Liquidación 2009
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deu conta nesta comisión, ademais, da liquidación do orzamento do ano 2009 que foi pechado polo Concello de Lugo con superávit.

Méndez explicou que “este superávit é debido á eficiente xestión orzamentaria do equipo de Goberno que permitiu, ademais, incrementar o investimento en gasto social e obras do Concello”.

Grúa Municipal
Noutra orde de asuntos a Concelleira aproveitou esta rolda de prensa para aclarar as críticas verquidas polo Grupo Municipal Popular sobre a grúa municipal. Méndez indicou que a intención do PP é crear unha información en falso, acudindo á difamación e acusando ao equipo de Goberno de non actuar conforme á lei.

Por iso, a Concelleira indicou que na Xunta de Compras do 29 de febreiro de 2008 aprobouse por unanimidade ( co voto a favor dos membros da oposición) a venda da grúa como chatarra, unha vez visto o informe do xefe do parque móbil do Concello. Unha vez lido este informe a Xunta de Compras decidiu vender o vehículo á oferta máis alta realizada por desguaces Herbón.

Esta é unha práctica moi habitual cando o Concello ten vehículos que non poden circular (ao non pasar a ITV) e a súa reparación é máis cara que o seu prezo real.

Por todo isto, a Concelleira indicou que se actuou en todo momento con dilixencia e en base a informes técnicos e xurídicos, e engadiu que “ espero que a honorabilidade do Goberno Local quede restaurada, xa que temos papeis que demostran que o propio PP votou a favor desa venda”.

Comisión de suxestións e reclamacións
Por outra banda, esta maña tivo lugar tamén a Comisión de suxestións e reclamacións do Concello de Lugo celebrada esta mañá deu conta de catro reclamacións presentadas no mes de abril e que xa foron pertinentemente contestadas.

Estas queixas foron sobre os servizos eléctricos municipais, e sobre algunha xestión administrativa.

Así o Concello non conta con ningunha reclamación atrasada.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova