Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo promociona a cidade no Cumio sobre as drogas


# Venres, 23/04/2010
Unha vez clausuradas as xornadas de debates, os asistentes ó cumio teñen a oportunidade de coñecer os principais atractivos da cidade

A promoción da cidade de Lugo que supuxo a celebración do Cumio de alcaldes, alcaldesas e cidades sobre drogas Europa, América Latina e o Caribe aínda non rematou.

Unha vez clausuradas as xornadas de debates, os asistentes ó cumio teñen a oportunidade de coñecer os principais atractivos da cidade. O sábado un grupo de participantes no Cumio internacional farán unha visita turística á cidade de Lugo. Está previsto que fagan un percorrido pola Muralla romana que rematará na Mosquera. Tamén visitarán a Catedral, o Centro de Interpretación da Muralla e os restos arqueolóxicos da Casa dos Mosaicos. A visita completarase cun percorrido polo paseo do río Rato. Despois acudirán ó casco histórico onde desfrutarán da nosa gastronomía, xa que está previsto que vaian de tapas polos establecementos hostaleiros da zona.

As 25 persoas que participarán nesta visita guiada á cidade de Lugo son de procedencia variopinta. Hai xente de países do Caribe como St. Kitts and Nevis, Antigua e Barbuda, Dominica, República Dominicana, Haití, Bermuda, Xamaica e Barbados. Tamén de América do Sur, Perú, Chile, Ecuador e do Norte, dos Estados Unidos, e de Europa, Bélxica.

Eles igual co resto dos máis de 200 asistentes ó Cumio internacional sobre drogas, que se celebrou dende o mércores na cidade de Lugo, tiveron ocasión de coñecer nestes días a nosa cidade. E foron moitos os que adicaron eloxios a Lugo, que a maioría non coñecía con anterioridade. Nalgunhas das ponencias, en roldas de prensa e tamén en privado escoitáronse eses comentarios eloxiosos para a nosa cidade.

Lugo10 aproveitou o evento para difundir os monumentos, festas e outros atractivos da cidade. Polo stand que montou Lugo10 no Pazo de Feiras e Congresos durante a celebración do Cumio repartíronse 250 folletos con información turística. Así os asistentes ó Encontro souberon que a Muralla romana de Lugo foi proclamada Patrimonio mundial hai dez anos e que con este motivo estanse a celebrar diversos actos conmemorativos, organizados polo Concello, co patrocinio da Deputación, Telefónica, Calfensa, Urbaser, Laboratorios Nupel, Fundación Azkar, Gestagua, Emetel, Asogal, Xacobeo 2010, Transportes Valín e hijos, Lareira, Once, Cocacola, Ribeira Sacra e Fundación César Egido Serrano.

A intención é aproveitar un evento destas características para difundir a imaxe de Lugo polo mundo. Esa sería unha consecuencia positiva máis dun Cumio que ademais dos acordos e reflexións sobre as estratexias máis adecuadas para combater as drogas, tamén deixou na nosa cidade un importante movemento económico. De feito, a organización do Cumio cifrou nuns 400.000 euros a repercusión económica deste acontecemento internacional que viviu a nosa cidade dende que chegaron o martes as delegacións internacionais.

www.cumbrelugo.org www.lugo10.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova