A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, participou a pasada fin de semana, xunto a un grupo de profesores e profesoras da cidade, participantes do programa educativo municipal VIVIR XUNTOS, CONVIVIR e do MRP NOVA ESCOLA GALEGA, no XXIV Encontro Galego-Portugués de Educadoras e Educadores pola Paz, organizado por AGAPAZ (Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz) que se desenvolveron en Leiría.
Estes encontros son un importante punto de encontro para o intercambio de experiencias educativas e a convivencia entre educadores de Galicia e Portugal preocupados por conseguir unha escola que forme para o exercicio dunha cidadanía solidaria e responsable.
O tema central no presente ano foi “ A mediación sociopedagóxica”. Durante tres días os participantes analizaron o papel dos axentes e as institucións sociocomunitarias na educación e as posibles relacións coa escola, así como formas concretas da intervención en diferentes situacións como: os ambientes socialmente desfavorecidos, a relación social interxeracional, a educación multicultural, a igualdade de xénero, etc.