Imprimir

O CONCELLO DE LUGO DESMINTE QUE VAIA HABER ORA NO NOVO HOSPITAL COMO DIXO NO PARLAMENTO A CONSELLEIRA DE SANIDADE


28/4/2010

O Concello de Lugo non poñerá ORA no novo Hospital. O Concello desminte que vaia a poñer a ORA no entorno do novo Hospital como dixo a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, esta mañá en resposta a unha pregunta que lle fixo no Parlamento galego a deputada socialista Concepción Burgo.

Con esta aclaración, o Concello responde ó intento de manipulación da conselleira Farjas e reitera a súa oposición a que se cobre por estacionar no novo Hospital. Como é sabido, a postura do Concello é contraria a que os lucenses teñan que pagar por aparcar nuns terreos que foron da súa propiedade e que o Concello cedeu gratuitamente á Xunta para construir as novas instalacións sanitarias públicas. Para o goberno local, a decisión da Xunta de cobrar por estacionar no recinto hospitalario supón un ataque frontal ós dereitos dos cidadáns de Lugo. Con esta decisión, a Xunta de Galicia sacrifica os intereses dos cidadáns para darlle beneficio a unha empresa privada que se fará coa concesión do aparcadoiro.

O Concello reitera tamén a súa oposición ó traslado do Centro de especialidades situado na praza do Ferrol ó novo Hospital.
De feito no vindeiro pleno do Concello de Lugo debaterase unha moción para que a corporación local se pronuncie en contra do cobro por estacionar no Hospital. O grupo socialista tratará de consensuar cos outros grupos a moción que levará ó pleno.