Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza unha intensa semana de concertos do Festival de Música Cidade de Lugo


# Domingo, 02/05/2010
Catro actuacións encherán de música a cidade coa XXXVIII Semana do Corpus

A próxima semana o Festival de Música Cidade de Lugo XXXVIII Semana do Corpus presenta un intenso programa de actividades que inclúe tres concertos e o primeiro concerto familiar do Corpus dos Nenos.

A semana comeza o luns 3 de maio na sede de Fundación Caixa Galicia coa actuación do arpista Manuel Vilas e o gambista Santi Mirón, que dedican o seu concerto integramente ás recercadas do compositor renacentista toledano Diego Ortíz.

Nado en Barcelona, Santi Mirón especializouse en viola da gamba en Estrasburgo e colaborou con numerosos grupos e orquestras de toda Europa traballando con prestixiosos directores. As súas amplas inquedanzas musicais levárono a fundar hai oito anos en Holanda, xunto co internacionalmente coñecido músico e director Martin Gester, o conxunto Anima e Corpo, no que actualmente concentra a súa actividade musical preocupada tanto pola música orquestral como a música de cámara.

O coprotagonista do concerto é un músico galego, o compostelán Manuel Vilas, nel conflúen a sensibilidade e a súa preocupación pola revitalización do patrimonio musical inxustamente esquecido, o rigor no traballo de investigación e recuperación e a capacidade para comunicar emocións apoiada nunha calidade e destreza interpretativas de primeira orde co seu instrumento, a arpa barroca. Tras colaborar con numerosísimos grupos e como solista nos máis importantes festivais de Europa e América e participar en máis de 40 compactos con diferentes conxuntos e discográficas, Manuel Vilas dedica actualmente boa parte do seu traballo a un ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas co acompañamento da arpa de dúas ordes co seu grupo Ars Atlántica.

Outra das citas imprescindibles do festival é o concerto dunha das grandes mestras do canto na música antiga e barroca, a mezzosoprano francesa Guillemette Laurens, que na compaña de Fuoco e Cenere (agrupación francesa que tamén debuta en Galicia) ofrecerá un singular programa no que reúnen a dous compositores tan especiais, e nunha primeira impresión tan afastados, coma o barroco inglés Henry Purcell e o celebre autor americano da época dourada de Broadway e o musical, George Gershwin. A cita será o xoves 6 de maio no Círculo das Artes.

Vintecinco anos de experiencia avalan a traxectoria desta gran artista, unha lenda no eido do canto barroco, Guillemette Laurens, que traballa regularmente cos máis prestixiosos directores nos máis importantes escenarios do mundo. O singular conxunto francés Fuoco e Cenere preséntase para este primeiro concerto en Galicia como un conxunto de violas da gamba (formado por Jay Bernfeld, director do grupo, Carolina Howald, Ariane Maurette e Ronald Martin Alonso) e frauta (Patricia Lavail).

Ao día seguinte, o venres 7 de maio, terá lugar unha boa mostra da variedade da programación dedicada á lírica no entretido concerto que protagonizarán a soprano Elena de la Merced, o barítono Josep Miquel Ramón e o pianista Rubén Fernández Aguirre no que a ópera, a canción e o oratorio serán os xéneros representados: o programa inclúe dúos de Donizetti, Haydn, Martín y Soler, Mendelssohn e Schumann.

Moita é a experiencia que acumulan os dous cantantes valencianos protagonistas deste concerto, a soprano Elena de la Merced e o barítono Josep Miquel Ramón, sen dúbida dous dos cantantes españois máis representativos da súa xeneración (con actuacións en teatros e auditorios tan destacados como os de Boloña, Venecia, Viena, París, Barcelona, Múnic, Nova York, Berlín, etc.). Estarán acompañados no escenario do Círculo das Artes por un vello coñecido do público lucense, o pianista vasco Rubén Fernández Aguirre

E o sábado 8 de maio comeza o Corpus dos Nenos, un ciclo de tres concertos familiares pensado para que os país e toda a familia compartan cos seus rapaces. Todos teñen lugar en sábado, ás 18:00 no Círculo das Artes, e o primeiro é este 8 de maio. Títeres e música únense neste primeiro espectáculo en torno ao conto de Hansel e Gretel, no que se contará co activo quinteto de ventos galego Pentafonía e a compañía de monicreques lalinense Seisdedos. A música que ilustrará este coñecido conto infantil inclúe obras de Humperdinck, Prokofiev, Saban, Elfmann e Pierné.

Como é habitual no festival, a entrada para todos concertos é gratuíta ata completar o aforo das salas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova