Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O concello lamenta que Cultura impida protexer o Parque Rosalía de Castro polas noites


# Venres, 30/04/2010
A Comisión de Patrimonio pon en risco un investimento na cidade de 450.000 euros

Imaxe Asociada
O Concello de Lugo lamenta a decisión da Consellería de Cultura de impedir a construción dun recinto de protección do Parque Rosalía de Castro. A Comisión de Patrimonio emitiu unha resolución negativa do proxecto que se ía financiar con 450.000 euros do Feil.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, cualificou de “inxusta” a resolución da Comisión de Patrimonio e indicou que “esta cidade non se merece ser tratada deste xeito”. “Hoxe é un día triste para a cidade” engadiu o Concelleiro de Medio Ambiente para quen “este é un novo mazado da Consellería de Cultura como foi o do Auditorio”.

O informe negativo basease, segundo explicou o Concelleiro na protección á que está sometido o Sanatorio Portela. Lino González Dopeso manifestou que Cultura “non é o organismo con competencias para ditar normas sobre paisaxe” e remarcou que “a obriga de Cultura é protexer o ben que ten esa cualificación que é o Sanatorio Portela ou que declare o Parque Ben de Interese Cultural”. “Eles non son o organismo con competencias para ditar normas sobre paisaxe” engadiu o Concelleiro de Medio Ambiente”. Tamén indicou que Cultura “tería que dicir en que modo afecta o proxecto ó Sanatorio Portela”.

O responsable municipal de Medio Ambiente tamén lembrou que moitos parques emblemáticos de España e de Galicia teñen peches para protexelos durante a noite. Algúns deles son o Parque Güell, o Retiro, o Parque do Oeste, o Xardín de Aranxuez ou os coruñeses Santa Margarita e San Pedro.

González Dopeso explicou que o Concello vai recorrila decisión que impide protexer o parque durante as noites, aínda que a acata. Por este motivo, non se levará a cabo o proxecto, que se ía financiar con 450.000 euros do Feil, pero o Concello manterá os outros catro proxectos de mellora e conservación do Parque Rosalía de Castro, tamén financiados con fondos do Feil. O Concelleiro de Medio Ambiente explicou que o conxunto do investimento previsto era de 2,4 millóns de euros e o Concello vai tratar de que Lugo non perda os 450.000 euros do proxecto que Cultura impide levar a cabo. Para elo o Concello fará xestións para tratar de adicar eses cartos a outros proxectos.

A construción do recinto de protección foi unha das propostas do Plan director do Parque Rosalía, que se fixo coa colaboración da Universidade de Santiago, do prestixioso arquitecto César Portela e máis do historiador Adolfo de Abel Vilela. O proxecto que agora impide facer Cultura supoñía a construción dunha réplica do muro xa existente nas Costas do Parque e por riba instalaríase unha verxa moi lixeira que permitiría ver o interior da zona verde, algo que actualmente impide o seto de mirto.

González Dopeso indicou que a protección do Parque Rosalía non se pode facer “poñendo alí un destacamento de policía”. Neste sentido preguntouse se “alguén deixaría aberta a porta da casa e poñería nela seguridade”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova