Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Economía e Emprego mantivo varios encontros con responsables de programas de emprego europeo en Estocolmo


# Luns, 03/05/2010
O obxectivo foi compartir experiencias e coñecementos para o apoio do autoemprego e do emprendemento

Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, fixo balance da viaxe realizada a pasada semana, acompañada por dúas técnicas da área de promoción económica, a Estocolmo no marco dun proxecto Leonardo financiado pola UE.

A viaxe, englobada no proxecto TROCO, estivo destinada ao intercambio de responsables e profesionais de programas de emprego. O proxecto está orientado ao fomento do espírito emprendedor, ao asesoramento a emprendedores, á creación de empresas, á inserción laboral, á formación, e a todas aquelas actividades dirixidas á redución do desemprego, así como o desenvolvemento de proxectos innovadores e á dinamización empresarial do territorio. A Concelleira explicou que “en catro días mantiveron 11 reunións de traballo e os obxectivos foron cumpridos”.

A intención do proxecto é que o persoal do Concello de Lugo a través dunha serie de visitas concertadas a nivel institucional e profesional con organismos homólogos europeos (concellos, centros de formación e asesoramento, centros de empresa etc.), teña acceso a coñecementos e experiencias, a información sobre os lazos entre centros formativos, organismos de apoio ao emprego e empresas doutros países. Ademais, permite coñecer as súas ferramentas, sistemas de formación e iniciativas de calidade e innovadoras, así como establecer as bases para a preparación e xestión de futuros proxectos conxuntos no ámbito do emprendemento e do autoemprego.

A Concelleira indicou que o feito de escoller ao país sueco como destino foi sen dúbida pola súa gran experiencia en políticas de benestar, como paradigma do estado de benestar, no que inclúe as políticas de emprego, en especial das persoas con máis dificultades de inserción. “O obxectivo era aprender do Concello de Estocolmo en políticas activas de emprego e, ademais, vimos que moitos dos programas de Lugo despertaron o interese dos representantes Suecos como os realizados no Espazo>Lab”, indicou.

Méndez explicou que “ se cumpriron outros obxectivos da viaxe para formar redes europeas, o coñecemento de posibles novos socios”, e engadiu que “mantivemos un encontro coa responsable de relacións internacionais do Concello de Estocolmo e coa idea de crear unha rede de cidades europeas que realicen políticas activas de emprego co Concello de Lugo”.

Estas visitas técnicas tamén se aproveitaron para coñecer as entidades de acollida dos emprendores participantes noutro proxecto denominado EUROTROCO, no que trinta emprendedores lucenses terán oportunidade de establecer relacións comerciais e intercambiar experiencias con empresarios de Florencia e Estocolmo. Na visita a Suecia, as representantes do Concello de Lugo coñeceron o Proxecto Mentor, un programa no que empresas suecas consolidadas titorizan as empresas que acaban de constituírse, os emprendedores de Lugo que participen no Eurotroco poderán incluírse neste proxecto mentor do Goberno Sueco.

A Concelleira anunciou que nesta semana tres técnicos de Lugo visitan Florencia para coñecer o que se está a facer en Italia para fomentar as empresas culturais e turísticas ao amparo da xestión do patrimonio cultural. Méndez indicou que “en Lugo creemos que estas empresas poden ter un gran futuro polo que podemos facer un apoio específico aos emprendedores que queiran traballar neste sector”.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova