Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Xoves e venres de concerto no Festival de Música Cidade de Lugo


# Martes, 04/05/2010


Unha das citas imprescindibles do festival é o concerto dunha das grandes mestras do canto na música antiga e barroca, a mezzosoprano francesa Guillemette Laurens, que na compaña de Fuoco e Cenere (agrupación francesa que tamén debuta en Galicia) ofrecerá un singular programa no que reúnen a dous compositores tan especiais, e nunha primeira impresión tan afastados, coma o barroco inglés Henry Purcell e o célebre autor americano da época dourada de Broadway e o musical, George Gershwin. A cita é o xoves 6 de maio no Círculo das Artes. Vintecinco anos de experiencia avalan a traxectoria desta gran artista, unha lenda no eido do canto barroco, Guillemette Laurens, que traballa regularmente cos máis prestixiosos directores nos máis importantes escenarios do mundo. O singular conxunto francés Fuoco e Cenere preséntase para este primeiro concerto en Galicia como un conxunto de violas da gamba (formado por Jay Bernfeld, director do grupo, Carolina Howald, Ariane Maurette e Ronald Martin Alonso) e frauta (Patricia Lavail).

Ao día seguinte, venres 7 de maio, teremos unha boa mostra da variedade da programación dedicada á lírica no entretido concerto que protagonizarán a soprano Elena de la Merced, o barítono Josep Miquel Ramón e o pianista Rubén Fernández Aguirre no que a ópera, a canción e o oratorio serán os xéneros representados: o programa inclúe dúos de Donizetti, Haydn, Martín y Soler, Mendelssohn e Schumann. Moita é a experiencia que acumulan os dous cantantes valencianos protagonistas deste concerto, a soprano Elena de la Merced e o barítono Josep Miquel Ramón, sen dúbida dous dos cantantes españois máis representativos da súa xeración (con actuacións en teatros e auditorios tan destacados como os de Boloña, Venecia, Viena, París, Barcelona, Múnic, Nova York, Berlín, etc.). Estarán acompañados no escenario do Círculo das Artes por un vello coñecido do público lucense, o pianista vasco Rubén Fernández Aguirre

Como é habitual no festival, a entrada para todos concertos é gratuíta ata completar o aforo das salas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova