Cargando....
Concello de Lugo
01/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo está orgullo de ter sido seleccionado para participar no proxecto Troco da Unión Europea


# Martes, 04/05/2010
A delegación do Concello que viaxou a Estocolmo dentro deste programa europeo non derrochou cartos públicos nin o fixo ás agachadas.

A viaxe a Estocolmo dunha delegación do Concello de Lugo para fomentar intercambios e formación de emprendedores de Lugo non foi un derroche nin se ocultou á opinión pública como asegura o Partido Popular.

Como xa se ten explicado á opinión pública, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, viaxou a Estocolmo con dúas técnicas municipais para desenvolver actividades inscritas no proxecto Troco da Unión Europea. Todos os proxectos Leonardo da Unión Europea, e tamén o proxecto Troco, teñen un socio noutro país europeo que obviamente percibe honorarios polos servizos que presta. Este gasto foi aprobado pola Xunta de compras do Concello.

O orzamento do proxecto Troco é de 18.156 euros, subvencionado en parte pola Unión Europea e en parte polo Concello, xa que necesariamente os programas Leonardo teñen que ser cofinanciados pola entidade que os solicita. Neste orzamento inclúense os voos e aloxamento de 6 participantes en Estocolmo e Florencia (onde viaxan esta semana tres técnicas municipais) e os mencionados honorarios dos socios. Os programas Leonardo tamén deben incluír outros gastos como a manutención.

O que o PP chama “gastos de acompañamento” son en realidade os honorarios que compre pagar ós socios do programa en Suecia e Italia para que preparen a axenda de reunións e traballo nos seus países.

O Concello ten que aclarar que non son 7.124 euros senón 4.600 euros o que custou a elaboración do programa, a organización das 11 reunións con altos representantes das institucións suecas, o material de traballo, a contratación de intérpretes de sueco, etc.

A delegación do Concello de Lugo que viaxou a Estocolmo renunciou a cobrar do erario público os gastos de manutención, que foi a cargo do seu peto, sen que percibiran dieta algunha do Concello. A maiores, os voos e o aloxamento foron os máis baratos da oferta de mercado, ata o punto de que a delegación pernoctou nunha residencia estudiantil, permaneceu sete horas no aeroporto de Barcelona para coller o avión a Suecia e utilizou o transporte público, concretamente o metro, nos seus desprazamentos por Estocolmo.

Como se ve, a delegación que participou nesta viaxe non só non o fixo “a corpo de raíña” como asegura o Partido Popular, senón que tampouco o fixo “as agachadas”: o gabinete de prensa do Concello informou ós cidadáns dos obxectivos e o programa da viaxe a través de dúas notas de prensa difundidas con anterioridade á viaxe. De volta en Lugo, a Concelleira informou en rolda de prensa dos logros acadados, entre outros que emprendedores da nosa cidade poidan realizar estancias en empresas de Estocolmo.

O Concello de Lugo considera que o PP demostra pouco coñecemento e falta de respecto ós programas europeos. Isto é lóxico dado que o Concello só empezou a xestionar fondos europeos dende que é alcalde Orozco.

A participación neste proxecto que favorece a mobilidade, o intercambio e a formación de redes entre países da Unión Europea, é un orgullo para o Concello, non un secreto que ocultar.

O PP fai ademais unha sorprendente mención ós lamentables datos do paro en Lugo e esquece intencionadamente que é a Xunta de Galicia quen ten competencias en materia de emprego e non o Concello. É un intento de manipulación ou unha falta de información debido a que é o Concello de Lugo, e non a Xunta como sería a súa responsabilidade, o principal xestor de programas de emprego na cidade de Lugo.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova