Imprimir

O CONCELLO PON EN MARCHA O DOMINGO O NOVO MERCADO DE ANTIGÜIDADES E COLECCIONISMO DE LUGO


5/5/2010

A Concelleira de Asuntos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou esta mañá o novo Mercado de Antigüidades e Coleccionismo de Lugo que se estreará o domingo que vén, día 9 de maio.

Na presentación tamén participou o anticuario Carlos Rodríguez Nogueira, quen agradeceu a aposta do Concello e amosou a súa confianza en que esta iniciativa se consolide e chegue a ser unha das máis importantes de Galicia.

“O Mercado de Antigüidades e Coleccionismo vaise celebrar todos os segundos e terceiros domingos de mes na Praza Maior”, explicou Luisa Zarzuela. Tamén explicou que “é consecuencia dunha nova Ordenanza municipal que acaba coa situación irregular do mercadiño que se celebraba sen control na praza da Soidade”.

De momento, o Concello ten recibido dez solicitudes de anticuarios de Lugo e A Coruña que ofrecerán as súas mercadorías neste novo Mercado de Antigüidades e Coleccionismo, segundo salientou a Concelleira.

Luisa Zarzuela explicou tamén que os anticuarios que queiran participar nel teñen que rexistrarse previamente e poden adquirir unha tarxeta válida por seis meses aínda que tamén se prevé a posibilidade de que poidan instalar os seus postos ocasionalmente.

A Concelleira de Asuntos Xerais amosou a súa satisfacción por ter conseguido erradicar un mercadiño que funcionaba sen control e organizar outro “ó que agardamos que paulatinamente se irán incorporando máis anticuarios”.

O horario de apertura ó público do novo Mercado de Antigüidade e Coleccionismo de Lugo será de 10.00 a 14.00 horas.