Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na inauguración do I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago


# Xoves, 06/05/2010
As xornadas continuarán mañá en Santiago de Compostela

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro,o presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela Pérez, a presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Teresa Conde-Pumpido e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias , presentaron esta mañá no salón de actos da Fundación Caixa Galicia de Lugo o I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago.

Esta xuntanza, organizada polo Consello Consultivo de Galicia coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial de Lugo, reúne a preto de 50 representantes dos altos órganos consultivos das comunidades autónomas polas que transcorren o Camiño Francés, o Primitivo e o do Norte: Galicia, Asturias, Castela-León, A Rioxa, Navarra e País Vasco, ás que se sumaron algunhas máis como é o caso de Castela-A Mancha ou Andalucía, entre outras, dado o interese dos temas que se abordarán nas distintas sesións de traballo.

O Alcalde deu a vencida aos participantes nesta xornada e indicou que “ é unha honra que este acto teña lugar na nosa cidade que os recibe cos brazos abertos, coas portas da Muralla que celebra este ano seu Décimo Aniversario como Patrimonio Mundial”. López Orozco afirmou que “é unha excelente oportunidade para visualizar o importante traballo que realizan nos consellos consultivos, que sepamos o que fan as persoas que os compoñen”.

Programa
Unha vez rematado o acto, o profesor titular de Dereito Constitucional da Universidade do País Vasco, Javier Tajadura Tejada, abordou no seu relatorio a regulación en torno aos convenios de colaboración celebrados entre comunidades autónomas, materia sobre a que os consellos consultivos deben ser consultados preceptivamente. O profesor Tajadura é un experto de recoñecido prestixio na materia e autor de numerosas publicacións de referencia como “Justicia Constitucional y Unión Europea: un estudio comparado de las experiencias de Alemania, Austria, España, Francia, Italia y Portugal”; “Los principios rectores de la política social y económica”; ou “Los preámbulos constitucionales en Iberoamérica”.

Xa ás 12.00 horas, pechouse a sesión de traballo cunha mesa redonda sobre “Urbanismo e función consultiva” na que se debateu e reflexionou sobre a problemática xurídica dun tema de plena actualidade e preocupación común, como é o urbanismo, con especial fincapé nas demolicións urbanísticas, a delimitación de competencias entre concellos e administración autonómica e doutras administracións públicas, así como outros supostos referidos á protección xurídica do Camiño.

Nesta mesa redonda contouse coa participación de destacados expertos na materia como Bernardo Fernández Pérez, profesor de Dereito Internacional Público da Universidade de Oviedo e, actualmente, presidente do Consejo Consultivo del Principado de Asturias; Francisco Javier D´Amorín Viéitez, maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, hoxe en día, conselleiro electivo do Consello Consultivo de Galicia; Gorka Erlantz Zorrozúa Aierbe, vogal da Comisión Jurídica Asesora de Euskadi; e Ignacio Granado Hijelmo, letrado e autor de diversos artigos e publicacións sobre a asistencia xurídica ás comunidades autónomas e na actualidade, secretario xeral do Consejo Consultivo de La Rioja.

O I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago continuará o venres 7 de maio en Santiago de Compostela, cunha reunión de traballo na que se exporán as conclusións do encontro ao tempo que se valorará a continuidade destas xornadas noutro punto da xeografía estatal. Así mesmo desenvolverase unha conferencia de presidentes de Consellos Consultivos de toda España, na que participarán un total de 16 Comunidades Autónomas entre as que figuran Canarias e Baleares.

A celebración deste Encontro nas cidades de Lugo e Santiago non é pois casual xa que se desenvolve, no primeiro caso, no marco de Lugo10 –marca coa que o Concello e a Deputación están a conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO­– e no segundo, polo especial protagonismo que acada este ano a capital galega coa celebración do Xacobeo 2010.

www.lugo10.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova