Imprimir

O ESPECTÁCULO NOITES DE RETRANCA ACHEGARÁ Á LUGO EN MAIO A ACTORES DA TALLA DE MANQUIÑA, LUÍS ZAHERA E SERGIO PAZOS


6/5/2010 A actuación terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire o día 15 de maio

O Concello de Lugo colabora con Rababiero Promocións na celebración dun espectáculo de humor en galego, englobado no programa de Lugo10, que terá lugar o vindeiro 15 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 22:30 horas. O espectáculo foi presentado hoxe pola Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, o actor Manuel Manquiña e o productor Miguel Segret.

Baixo o título Noites de retranca, chegarán a cidade parte dos mellores actores galegos da actualidade como Sergio Pazos, Luís Zahera ou Manuel Manquiña.

A Concelleira destacou que “é un verdadeiro luxo para a cidade contar cun espectáculo destas características que fará disfrutar a todos do humor galego”.

O espectáculo comezou a súa xira o pasado 9 de xaneiro no Auditorio Municipal de Ourense e foi visto xa por milleiros de espectadores nos teatros da Coruña, Vigo e Pontevedra.

Noites de retranca é un show baseado no formato do monólogo no que tres actores de nivel nacional, intercambian co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan as nosas vidas cotiás feito con ese humor tan caracteristicamente noso: a retranca.

Manquiña explicou que “os monólogos permiten dicir cousa consideradas como politicamente incorrectas”, e engadiu que “cada un de nós realizaremos un discurso de 25 minutos cun humor que demostra moita intelixencia”.

O espectáculo ofrece a posibilidade de que cada función sexa única xa que non conta cun guión pechado e debido á grandeza dos artistas que o forman, sempre hai un momento no que a interactuación entre eles varía e deixa paso a unha marabillosa sinfonía de humor perfectamente orquestrada.

As entradas para asistir a este evento continúan á venda a través da taquilla telefónica 902 504 500 e na web www.caixanova.es . Os prezos das entradas serán 17 euros na zona A, 16 na B e 15 na C.