Imprimir

O CONCELLO DESTINARÁ 9.000 EUROS PARA GASTOS DO TRANSPORTE EN TAXI ADAPTADO


7/5/2010 O prazo para realizar as solicitudes estará aberto ao longo dun mes

O Concello de Lugo publicou xa as bases do 2010 reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas económicas a persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade para gastos de transporte en taxi adaptado.

As axudas suporán un total de 9.000 euros, cada solicitante que cumpra os requisitos establecidos poderá recibir una contía anual de 800 euros.

Para solicitar estas axudas hai que cumprir os seguintes requisitos:

- Ter unha idade mínima de 4 anos.

- Estar empadroado no Concello de Lugo durante un ano anterior á presentación da solicitude e durante a percepción da axuda.

- Contar cunha discapacidade física en grao igual ou superior ao 33% que afecte gravemente á mobilidade e impida ou dificulte gravemente o acceso ó transporte público colectivo.

- Non ser propietario dun vehículo adaptado ou, séndoo, non estar en posesión de carnet de conducir en vigor. En caso contrario tamén poderán solicitarse estas axudas sempre que se acredite a dificultade ou imposibilidade de utilización do vehículo mediante informe médico. Para as persoas menores de 18 anos, no contar ningún membro da unidade familiar ou de convivencia con vehículo adaptado.

- Para os traballadores, non ter recoñecido este beneficio por convenio colectivo, contrato laboral ou calquera outro título acreditativo do dito beneficio.

- Non superar uns ingresos anuais de: máis de 1,5 veces o Indicador Público de Renda de efectos múltiples (IPREM) , no caso de menores de idade, non dispor a unidade familiar ou de convivencia duns ingresos superiores a 2,5 veces o IPREM vixente.

- Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa fronte a Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Delegación de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, á Tesourería Territorial da Seguridade Social e co Concello de Lugo respectivamente

-Ter regulamentariamente xustificadas as subvencións concedidas, con anterioridade polo Concello de Lugo, para o cumprimento de fins análogos, durante os dous exercicios económicos anteriores.

-Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario/a das subvención de conformidade co artigo 10 DA Lei 9/2007 de 13 de xuño de Subvencións de Galicia e o artigo 13 da Lei 38/2003 de 17 de novembro xeral de subvencións.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto durante un mes a partir de hoxe (da súa publicación no DOG).