Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo celebra o Día de Europa coa lectura dun manifesto, o izado da bandeira e actividades para os máis cativos


# Domingo, 09/05/2010
Este ano conmemórase o 60 aniversario do nacemento da Europa Comunitaria

O Concello de Lugo organizou, con motivo da celebración do Día de Europa, un completo programa de actividades para nenos e nenas e un acto institucional celebrado ás 12.00 horas do mediodía na Praza Maior.

Neste evento, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, procedeu a lectura dun discurso en nome do Concello de Lugo no que lembrou a fundación da Unión Europea, o valor da paz, da liberdade, da democracia, do respecto aos dereitos humanos, a tolerancia e a igualdade que fundamentan a unión de Europa.

No aniversario desta data tan especial, da fundación do que hoxe é a Unión Europea, o 9 de maio de 1950, en Lugo celebrouse o 60 aniversario cun alto espíritu europeísta.

Como punto final ao completo programa organizado polo Concello, escoitouse o himno europeo e procedeuse ao izado da bandeira diante da Casa Consistorial, como símbolo de achegamento e hermanamento de todos os pobos da Unión Europea.

Ao longo de toda a mañá tiveron lugar un conxunto de actividades para os rapaces e rapazas de Lugo: xogos, ximkanas, música e outras actividades coas que os cativos e cativas puideron coñecer dun modo divertido e didáctico o significado da Unión Europea, de que España forme parte desta Unión e de ser cidadáns europeos.

Manifesto do Día de Europa

Tal día coma hoxe, hai 60 anos, nacía a Europa comunitaria. O antecedente da Unión Europea da que hoxe formamos parte. Aquel día, o 9 de maio de 1950, o Ministro de Asuntos Exteriores francés, Robert Schuman lía o discurso no que propoñía a creación dunha Europa organizada.

Tratábase de conxurar a pantasma dunha nova guerra nun continente que aínda se repoñía daquela da II Guerra Mundial. De feito, na chamada “Declaración Schuman” salientábase que “a contribución que unha Europa organizada e viva pode aportar á civilización é indispensable para o mantemento de relacións pacíficas”.

A búsqueda da paz foi polo tanto o xerme desta Unión que se construíu sobre a defensa dos nosos valores comúns, liberdade, democracia, igualdade e respecto ós dereitos humanos. Estes son valores ós que ningún país da Unión pode renunciar. E son os valores que nos unen a máis de cinco centos millóns de persoas.

O Concello de Lugo conmemora cada ano este acto institucional porque nos sentimos plenamente identificados con estes valores e porque non queremos deixar de traballar neste proxecto común da construción de Europa.

A nosa é unha vella cidade que participou dos diversos avatares que deron lugar á formación do ser europeo: dende a antiga Roma ó Camiño de Santiago.

O Lugo que este ano conmemora o décimo aniversario da proclamación da nosa Muralla como Patrimonio Mundial quere sumarse con este acto á celebración na que hoxe estamos unidos os cidadáns dos 27 países integrados na Unión. Porque pensamos que a defensa da nosa identidade, a nosa lingua e a nosa cultura, é compatible co recoñecemento e a defensa da diversidade que nos enriquece.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova